O benestar na familia será o tema dunha charla este luns nas Pontes
O Concello das Pontes organiza unha nova actividade baixo o título Auto-coidados en familia, fortalecendo o benestar, que terá lugar o luns 27 de xaneiro ás 18:00 horas no soto da Casa Dopeso.
Este evento enmárcase no programa Espazo en familia, cuxo obxectivo é destacar a importancia do coidado persoal dos membros da familia, abordando diferentes dimensións do benestar: física, social, mental e emocional. A sesión incluirá estratexias e actividades prácticas para fomentar o benestar integral de todas as persoas que conforman o núcleo familiar.
Baixo o lema "A familia como totalidade aseméllase a unha colonia animal, onde cada parte cumpre o seu papel, pero que en si mesma é unha forma de vida", esta iniciativa busca reforzar os lazos familiares e proporcionar ferramentas útiles para a convivencia e o coidado mutuo.
As inscricións están abertas e poden realizarse a través do correo electrónico espazoenfamilia@gmail.com, chamando ao número 606 760 688 ou no Departamento de Servizos Sociais. Esta actividade está cofinanciada pola Unión Europea e conta co apoio da Xunta de Galicia e a Consellería de Política Social e Xuventude.