O Bloque demanda do Estado un plan para liñas de tren como a de Ribadeo a Ferrol

TerraChaXa | LugoXa
15 Sep 2019

O BNG, a través dunha proposición non de lei, defendida pola deputado Luís Bará, reclamou aprobar unha dotación orzamentaria extraordinaria de “cando menos 1.500 millóns de euros” para saldar a débeda con Galiza en materia de infraestruturas pola falta de execución de orzamentos nos últimos 4 anos. Esta dotación extraordinaria, explicou o parlamentario,  “estará dedicada prioritariamente a actuacións medioambientais, á mellora da rede de estradas do Estado, a investimentos en portos de interese xeral e a modernización do ferrocarril”, como por exemplo a liña de Ferrol a Ribadeo.

Por outra parte, tamén demandou aprobar un plan plurianual de mellora da rede ferroviaria galega coa mellora da comunicación entre Vigo e a fronteira portuguesa, modernizar as liñas, Coruña-Ferrol, Ferrol-Ribadeo, as conexións de Lugo-Coruña-Santiago-Ourense, Ourense-Vigo, Ourense-Santiago e un plan de desenvolvemento da conexión de Galiza ao Corredor Atlántico.

O parlamentario do BNG demandou a creación do servizo de cercanías e a transferencia a Galiza das competencias nesta materia.

É unha necesidade, dixo, de “ter voz propia e sen ataduras”, que defenda os intereses de Galiza en Madrid. O parlamentario insistiu en denunciar que o actual bloqueo para formar goberno no estado prexudica gravemente a Galiza ao que sumou “a postura pusilánime” da Xunta e de Feixóo que de cando en vez teñen, parece que teñen un ataque de sentido de estado cando en realidade “son ataques de submisión”. Tras dez anos de silencio, asumindo un sistema de financiamento que o propio goberno galego recoñece “discriminatorio”, non reclamaron a débeda en dependencia e aceptaron os “recortazos” en infraestruturas ao que agora temos que sumar o debate dos 700 M€ dos anticipos á conta. “Hoxe Feixóo decidiu enviar unha carta cando no BNG levamos moitas semanas propoñendo que utilice a vía xudicial ante esta aldraxe”.

Para o deputado, a proposta do BNG  defende a Galiza nunha situación de “bloqueo e parálise institucional” e “espectáculo lamentable” pola  incapacidade dos partidos estatais para chegar a un acordo. Esta situación, afirmou Bará, produce “noxo e carraxe” á cidadanía. Non hai goberno, o parlamento segue en “stand by” pola postura do Partido socialista e Unidas podemos  polo seu “tactismo e postureo” cambiando a política pola “politiqueria” sobre un taboleiro para “ventaxistas e tahures”.

Finalmente, o deputado do BNG insistiu na necesidade de recuperar “a axenda galega” ante o goberno central polo que reiterou a reclamación de 1.5000 M€ para mellorar as redes viarias galegas. 

Os votos en contra do Partido popular impediron que prosperara a proposta  BNG.

0.15147304534912