O BNG acusa á Xunta de seguir bloqueando as actuacións na Torre de Caldaloba

TerraChaXa
O Xulgado deu un novo prazo de cinco días para respostar á proposta de acordo da Deputación
torre-de-caldaloba-cospeito
20 Dec 2025

O Xulgado deu á Xunta de Galicia un novo prazo de cinco días para manifestarse en relación co acordo proposto pola Deputación de Lugo en relación coa propiedade da Torre de Caldaloba.

O pasado 16 de abril -case tres anos despois de que a área de Cultura comprara a parte fundamental da parcela na que se ubica a Torre a un propietario particular– a Xunta de Galicia iniciou unha demanda contra a institución provincial pola propiedade dos terreos.

Co obxectivo de resolver da forma máis rápida posible a situación e priorizar a restauración do ben patrimonial, o 14 de outubro, na audiencia previa ao xuízo, a Deputación de Lugo solicitou a suspensión do procedemento de demanda e o inicio dunha negociación para acadar un acordo.

A proposta de acordo realizada pola Deputación de Lugo pide á Xunta de Galicia que se comprometa a garantir e facer efectiva a protección, conservación, restauración e consolidación da Torre de Caldaloba, preservando o seu valor histórico e arqueolóxico, e que abone á institución provincial o prezo de adquisición do ben -106.000 euros – así como os gastos de taxación, medición, rexistro e notaría.

A asesoría xurídica da Deputación de Lugo recibiu onte unha comunicación do Xulgado na que se constata que a Xunta de Galicia “non presentou ningún escrito en relación co acordo presentado pola Deputación de Lugo” e establece “un novo prazo de cinco días para que manifeste ou non a súa conformidade”.

A deputada de Cultura Iria Castro lamentou que “a Xunta de Galicia siga bloqueando a protección de Caldaloba. A sucesión dos feitos demostra que non ten un interese xenuíno na conservación da Torre. Abandonárona durante dúas décadas, desde que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo mercou unha parte, en 2022, dedicáronse a bloquear os proxectos de restauración negando as autorizacións para intervir, en abril pasado sacaron da manga unha demanda xudicial pola propiedade e agora non responden á proposta de acordo presentada ante o Xulgado”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.073346138000488