O BNG acusa ao goberno de Barreiros de acumular facturas impagadas por valor de 600.000 euros

TerraChaXa | AMariñaXa
O BNG de Barreiros fixo pública as súas contas, nas que establece que o goberno de barreiros, do Partido Popular, leva un recoñecemento extraxudicial de crédito de facturas pendentes do ano 2018 por falta de crédito no orzamento dese ano, por un importe de 566.
24 Jan 2019

O BNG de Barreiros fixo pública as súas contas, nas que establece que o goberno de barreiros, do Partido Popular, leva un recoñecemento extraxudicial de crédito de facturas pendentes do ano 2018 por falta de crédito no orzamento dese ano, por un importe de 566.041,69€.
“A esta cantidade, debemos sumarlle 28.000€ que contempla o orzamento do 2019 para investimento en alumeado que o propio alcalde recoñece na memoria presentada que son para gastos do 2018”, explican desde o BNG.
A portavoz municipal do BNG, Ana Ermida, lamenta que “esta estea sendo a práctica habitual do goberno do PP, especialmente nos últimos anos, o que está creando un verdadeiro burato negro económico que fai perigar a propia sustentabilidade do Concello.”
En xaneiro do ano pasado, xunto coa aprobación do orzamento para o 2018, o goberno municipal recoñecía 467.955,14€ sen pagar do 2017 para cargar contra o orzamento do 2018. “Este ano, o importe de facturas sen pagar increméntase en practicamente 100.000€”, explica Ana Ermida, “o que supón que en só un ano a cantidade sen pagar sube case un 25%”.
Desde o BNG sinalan que “é algo que era evidente que ía pasar e xa o advertimos o ano pasado, cando vimos o descontrol existente e como estaban quedando facturas sen pagar desde mediados de ano.” A portavoz municipal explica que “isto é unha auténtica bola de neve que levará todo por diante de non poñerlle freo, porque se para pagar esas facturas pendentes restamos crédito do orzamentado para o ano 2019, sen que esa necesidade se contemple nos mesmos, supón que se empeza o ano con moitos menos cartos dos necesarios para facer fronte aos gastos do ano en curso. Polo tanto, volveremos a atoparnos a mediados de ano sen crédito para pagar facturas que se volverán a incrementar cada ano máis, restando cada vez máis fondos e provocando que cada ano o crédito para as facturas se acabe antes.”
Desde o BNG lamentan que o PP siga empeñado en arruinar Barreiros e aseguran que “dá a sensación de que o que pretenden é deixar o Concello nun estado lamentable para impedir que quen veña detrás poida reverter a situación.”

0.041824102401733