O BNG aposta en Begonte por “gobernar con eficacia un concello vivo e comprometido coa veciñanza”
Manuela Castro encabeza, por primeira vez, a candidatura do BNG ás eleccións municipais do vindeiro 26 de maio. Castro está acompañada de Begoña Ferreiro no segundo posto e de Xosé Manuel Rodríguez como terceiro da candidatura. Dende o BNG de Begonte apostaron por “gobernar con eficacia un concello vivo e comprometido coa veciñanza”. “Queremos estar en contacto directo co movemento asociativo local, para escoitarmos ás persoas que os representan, veciños e veciñas das parroquias, e tratarmos de afrontar o problema da desertización demográfica que consideramos prioritario para o futuro” asegurou Manuel Castro.
A candidata do BNG sinalou a necesidade de que de “crear unha escola infantil, un punto limpo, e por en valor o patrimonio existente no termo municipal” e explicou “contamos cun importante patrimonio natural e cultural con ríos como o Parga e o Ladra, as Lagoas do Ollo e de Riocaldo, o Camiño de Santiago,etc… e esto temos que poñelo en valor”. Para o BNG compre aproveitar os moitos recursos paisaxísticos e de patrimonio artístico para incentivar o turismo. “No goberno municipal queremos velar por un crecemento sostíbel deste sector que, conservando os recursos, poida atraer máis visitantes e desta maneira favoreza outros sectores como a hostalaría, o comercio e o sector agrario, promovendo o consumo de produtos locais” concluíu a candidata á alcaldía.
“A presenza do BNG será determinante no vindeiro mandato por que temos as ideas claras e un proxecto para Begonte” asegurou a candidata á alcaldía que anunciou o compromiso de “converter a Begonte nun concello vivo e comprometido co tecido económico da contorna, apoiando os sector agrogandeiro e as súas traballadoras e traballadores, ademais dos postos de traballo e da riqueza que xera indirectamente en talleres, transporte, comercios ou industrias transformadoras”. O asentamento de empresas no Polígono industrial a través de incentivos fiscais será tamén un ámbito prioritario de actuación do BNG no Concello de Begonte.
Candidatura BNG
- Manuela Castro López
- Begoña Ferreiro Veiga
- Xosé Manuel Rodriguez Rodríguez
- María Xosé Pardo Redondo
- Xavier Pichín Redondo
- Ana María Díaz Torrón
- Purificación Ferreiro Fernández
- Xosé Lois Devesa Novo
- María Mar Prado Cruz
- Manuel Rivas Varela
- Manuel Ferreiro Fernández