O BNG celebra a ampliación do servizo de HADO nas Pontes

TerraChaXa
Aínda así manteranse as concentracións de todos os xoves ás 12.00 horas
concentracion-bng-servizos-saude-atencion-primaria-as-pontes
11 Feb 2025

O BNG pontés celebra a ampliación do servizo de HADO no Concello das Pontes. A área sanitaria de Ferrol vén de anunciar nos pasados días a recente incorporación dun cuarto equipo de Hospitalización a Domicilio, o cal permitirá a mellora asistencial de pacientes da área sanitaria, chegando así a cubrir ao 87% da poboación da mesma segundo manifesta o Sergas.

"Desde o BNG celebramos o acerto nesta nova mellora na asistencia ás pacientes". Con todo, a portavoz municipal, Carmela Franco, sinala que “permaneceremos atentas á evolución do servizo para que cubra e atenda as necesidades das nosas veciñas dada a especial atención que requiren as persoas destinatarias deste servizo”.

Deste xeito "e para seguir coa loita pola mellora das prestacións sanitarias para a nosa veciñanza", o BNG manterá as concentracións semanais en contra do desmantelamento do servizo de saúde local e continuando así coa reclamación de creación de novos servizos e o reforzo dos xa existentes.

Nesta liña seguen a reclamar a cobertura definitiva e completa do servizo de pediatría, o reforzo das profesionais existentes cando aumenten as necesidades, a idoneidade da incorporación de novos perfís profesionais para acadar a atención integral que se pretende e a garantía de servizos como a incorporación do servizo de raios X, o servizo de transporte a domicilio para o persoal e a cobertura suficiente de transporte sanitario urxente.

As concentracións teñen lugar diante do centro de saúde das Pontes todos os xoves ás 12:00 horas.

0.16800022125244