O BNG critica ao goberno de Viveiro por non entregar as contas de 2020

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O BNG de Viveiro lamenta a falta de interese da alcaldesa pola aprobación dun orzamento municipal participativo para que, logo dun ano de orzamento prorrogado, no 2020 o Concello e a veciñanza podan contar cunhas novas contas municipais que contribúan a solucionar os problemas reais de Viveiro.
72782891_2363846420598696_8716691815777959936_o
19 Out 2019

O BNG de Viveiro lamenta a falta de interese da alcaldesa pola aprobación dun orzamento municipal participativo para que, logo dun ano de orzamento prorrogado, no 2020 o Concello e a veciñanza podan contar cunhas novas contas municipais que contribúan a solucionar os problemas reais de Viveiro. A edil do BNG en Viveiro, Míriam Bermúdez, critica que "a falta de dez semanas para que acabe o ano, Loureiro non lles entregou aos grupos da oposición ningún borrador do proxecto de orzamento municipal de 2020. É incomprensible que un goberno que ten ao concello funcionando a medio gas co presuposto prorrogado por mor da súa incapacidade política para aprobar o orzamento de 2019, continúe instalado na mesma actitude pasiva e empeñado en gobernar de espaldas aos intereses do concello, coas consecuencias negativas que se derivan disto e que padecen os veciño", advirte.

Os nacionalistas teñen claro que, esta falta de información e transparencia do Goberno do PSOE sobre o proxecto de orzamento municipal para o 2020, demostra por un lado, a nula vontade en impulsar un presuposto municipal participativo entre a veciñanza (unha ferramenta de democracia directa que permitiría á veciñanza falar das súas demandas e propostas e contribuír así a definir o destino dunha parte do orzamento municipal) e por outro lado demostra, o desinterese por facilitarlles aos grupos da oposición o devandito documento para o seu estudo, con tempo suficiente, para traballar e lograr conxuntamente acordos en actuacións clave para Viveiro co fin de aprobar con carácter definitivo, antes do 31 de decembro de 2019, o orzamento xeral para poñelo a andar a partir do 1 de xaneiro de 2020.

Míriam Bermúdez di que se "trata do orzamento municipal onde teñen que estar as prioridades, programas e accións nos que se empregarán os fondos públicos para o vindeiro ano, actuacións e proxectos prioritarios para Viveiro, así como programas de axudas ao tecido asociativo social, cultural, deportivo, veciñal e outros colectivos viveirenses para que estes podan planificar e organizar debidamente o seu calendario anual de actividades".

O BNG de Viveiro empraza ao Goberno Socialista a reconsiderar o seu procedemento empregado para a aprobación do orzamento e a apurar os prazos para traballar pola aprobación en pleno dun novo orzamento xeral, que permita comezar a poñer en marcha os proxectos vitais para o concello e veciñanza a partir de xaneiro.

Os nacionalistas cren que só remando todos na mesma dirección poderán saír adiante as actuacións clave para Viveiro, por iso cren que non se entendería que o goberno do PSOE tivese en mente ir a unha segunda prórroga do orzamento de 2018, ou ao desapoderamento legal do pleno a favor da Xunta de Goberno para aprobar o orzamento municipal sen acordo plenario a través da utilización da contravertida Disposición Adicional Decimosexta da Lei reguladora das bases de réxime local, engadida pola Lei de racionalización e sostenibilidade da administración local, á que algúns califican de lei de recentralización xurídica e favorecedora da privatización dos servizos públicos, impulsada e aprobada polo goberno de Mariano Rajoy.

0.18160700798035