O BNG da Pastoriza denuncia o "grave deterioro" da vía LU-P-0103 ao seu paso por Vián

TerraChaXa
Dende o grupo municipal reclamouse unha actuación “urxente e integral” que garanta a reparación completa do firme e unhas condicións de mobilidade seguras e dignas
estado-via-vian
6 Dec 2025

O BNG da Pastoriza denunciou o "estado de abandono" no que se atopa a estrada provincial LU-P-0103 ao seu paso pola parroquia de Vián. Segundo sinala a formación nacionalista, a estrada acumula "ducias de baches, afundimentos e tramos nos que o firme está completamente destruído, o que a converte nun itinerario perigoso tanto para a circulación de vehículos como para as persoas que se desprazan a pé". Esta situación, advirten, "dificulta o tránsito diario e supón un risco evidente de accidentes e de danos materiais para quen se ve obrigado a utilizala".

O BNG lembra que este non é un problema puntual, senón a consecuencia dun "prolongado abandono" por parte da Deputación, que, afirma, "leva anos sen acometer as tarefas de mantemento e mellora que lle corresponden como administración responsable".

Dende o grupo municipal reclamouse unha actuación “urxente e integral” que garanta a reparación completa do firme e unhas condicións de mobilidade seguras e dignas para o barrio de Vián e para todas as persoas usuarias desta vía provincial.

A formación nacionalista subliña ademais que o estado das estradas de titularidade provincial no conxunto do Concello da Pastoriza é moi deficiente, unha situación que, ao seu xuízo, evidencia unha falta de compromiso coa seguridade viaria e co benestar da veciñanza.

Por iso, o BNG insta á Deputación de Lugo a realizar unha revisión inmediata e a acometer con urxencia as melloras necesarias para garantir estradas dignas en todo o municipio.

⚙ Configurar cookies
0.074212074279785