O BNG da Pastoriza reclama o estado "de abandono" da piscina municipal

TerraChaXa
A concelleira di que unha das queixas máis recorrentes é a baixa temperatura da auga e do recinto
instalacions-piscina-pastoriza
29 Apr 2025

O Bloque Nacionalista Galego da Pastoriza vén de rexistrar unha nova queixa pola "grave situación" que atravesa a piscina municipal, un servizo "público esencial que sofre o abandono continuado por parte do goberno local do Partido Popular. As deficiencias son múltiples e afectan de forma directa ao benestar e á seguridade das persoas usuarias", indica.

A concelleira di que unha das queixas máis recorrentes é a baixa temperatura da auga e do recinto, que dificulta e incluso impide o uso normal da instalación, especialmente no caso das persoas maiores ou con necesidades especiais. "Tamén os vestiarios carecen dunha temperatura adecuada. Ademais, constatamos que a maior parte das máquinas do ximnasio están fóra de servizo, a pesar de que, tras unha anterior denuncia do BNG, o alcalde prometera renovar parte da maquinaria. Esa renovación segue sen chegar, e o desdeixo das instalacións continúa avanzando", continúa.

Reclaman a ausencia da folla de limpeza asinada polo persoal, "documento que debería estar visible por cuestións de transparencia e control da hixiene. A pesar de que os pregos de contratación da nova concesión, asignada á empresa Clece, recollían unhas condicións mínimas de presenza de persoal que non se están a cumprir".

A maiores, denuncian unha nova medida imposta, que obriga ás persoas usuarias a deixar o calzado no pasillo de entrada. "Non parece moi correcta nin dentro da legalidade esta nova medida. Para tal esixencia debería haber taquillas para gardar o calzado. Resulta antiestético e pouco decoroso atoparse cos zapatos nun vestíbulo polo que temos que pasar todos; isto é como se fósemos a un supermercado ou a outro establecemento público e tivésemos que cambiar os zapatos á entrada. E o que é aínda máis grave é que as plaquetas do vestíbulo non son antideslizantes, polo que ao saír coas chanclas molladas poden ser pouco seguras e supoñer un risco de esvaróns", din.

O BNG considera esta situación totalmente inadmisíbel e esixe explicacións urxentes ao alcalde, así como medidas inmediatas "para garantir unhas instalacións dignas, seguras e axeitadas para o uso público. Os servizos públicos non poden seguir sendo vítimas da propaganda e da desidia do Partido Popular".

⚙ Configurar cookies
0.064774990081787