O BNG das Pontes cualifica de positiva a modificación das infraestruturas eléctricas
O BOE do sábado 16 de decembro publicou o anuncio da Subdirección Xeral de Enerxía Eléctrica do Miteco pola que se somete a información pública, até o 12 de xaneiro de 2024, a proposta de modificación da planificación das infraestruturas de Rede Eléctrica de España (REE) para o período 2021-2026, na que se contempla unha nova subestación nas Pontes.
A actuación xustifícase pola necesidade de conexión dun novo bombeo reversíbel, aínda que estanse a tramitar dous, e nas demandas de abastecemento eléctrico solicitadas, "o que vén a dar resposta a unha das medidas reclamadas na folga e na manifestación, multitudinaria e diversa, do pasado 23 de novembro, nomeadamente a de esixir garantías ao Miteco e a REE da capacidade de subministración para os proxectos industriais anunciados na localidade", explica o BNG local.
A valoración positiva da proposta non impide ao BNG manifestar a súa preocupación "pola incerteza temporal de todo o procedemento posterior, que vén a engadirse ao xa denunciado desfase entre a destrución do emprego presente e a creación do novo, baleirando o contido do termo transición e levando cara unha nova reconversión".
"Débese subliñar que se trata dunha proposta inicial cun longo percorrido: fase de alegacións até mediados de xaneiro de 2024, informes posteriores da Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia e das CCAA, proposta definitiva elaborada por REE que deberá ser aprobada polo Consello de Ministros, para logo continuar co procedemento individual de cada unha das modificacións antes da súa execución e entrada en funcionamento, prevista para 2026 no caso das Pontes. Por último, quedaría o proceso de solicitude e autorización das conexións dos distintos solicitantes, e a tramitación -tamén ambiental-, aprobación e execución das liñas eléctricas dende a situación dos proxectos demandantes até a propia nova subestación proposta, para a que se descoñecen tempos, custes e promotores", engaden.
Para o BNG "é necesario manter e intensificar a presión sobre das administracións e Endesa, presión que é evidente que axuda a ter resultados, e que é o medio para conseguir que se atendan o resto de reclamacións, algunha delas unánime, cando menos no ámbito político municipal e parlamentar galego, como a de recuperar os 1.400 MW da Central Térmica para o Concurso do nó de Transición Xusta comprometido polo Miteco; o mantemento da vinculación laboral dos traballadores e traballadoras da Industria Auxiliar, estudando a súa posíbel incorporación a Endesa e, en todo caso, garantindo a súa incorporación aos proxectos industriais futuros; o compromiso por parte das Administracións Públicas, tanto a local como a autonómica e estatal, de dotar de xeito urxente de chan industrial á localidade para posibilitar o asentamento de novos proxectos, e de coordinación nos procedementos administrativos para axilizar a implantación e posta en marcha dos proxectos industriais anunciados na localidade; a creación dun Plan Industrial de choque, financiado pola Administración Autonómica e Estatal que dea garantías á re-industrialización das Pontes; a paralización de todos os ERES da localidade, presentes ou futuros, até que se atopen alternativas de re-colocación na mesma localidade; e as solucións as infraestruturas necesarias para os proxectos anunciados (auga, saneamento, condutos de hidróxeno para subministración e para conexión co gasoduto, liñas eléctricas dende a subestación do Tesouro, ...), situacións que non se terían dado de asentarse en superficies industriais, pero das que non se dispoñen nas Pontes".
En calquera caso, o BNG ten solicitado xa unha Xunta de Portavoces urxente, "coa presencia inescusábel do alcalde", para tratar do asunto da proposta de modificación da planificación de REE na parte referida ao concello.