O BNG das Pontes demanda medidas urxentes para facilitar o acceso á vivenda
O BNG das Pontes demanda, unha vez máis, a convocatoria da Comisión municipal para tratar sobre asuntos relacionados con vivenda e acordar medidas concretas, de competencia municipal. Así o manifestaron representantes do partido ante "os anuncios do alcalde sobre un suposto Plan de Vivenda, descoñecido para as concelleiras do BNG, a súa entrevista coa conselleira de Vivenda, contidos e resultados tamén descoñecidos, e logo da charla dirixida á propiedade das vivendas nas Pontes".
Explican os nacionalistas que xa van anos desde que o partido presentou propostas concretas para atacar "a contraditoria situación da ausencia de oferta de vivenda, aínda que con moita baleira, algunhas nun estado de abandono evidente, e da existencia de demanda, a prezos asumíbeis e coherentes coa realidade socioeconómica das Pontes, sobre de todo pola xente moza".
Así, lembran a iniciativa sobre dun banco municipal de locais para alugueiro, integrado por vivendas e baixos comerciais cun prezo de arrendamento limitado ou topado, con compensacións nos impostos como a contribución para a propiedade, "proposta que foi
rexeitada pola maioría absoluta do PSOE".
Din tamén que foi contrario o goberno municipal, en varias ocasións, á iniciativa do BNG de cesión de terreos municipais á Xunta para a construción de vivendas para a xente moza, o que axudaría a superar o preocupante déficit demográfico nese tramo de idade.
"Por outra banda, non deixa de sorprender a preocupación que agora amosa o alcalde cara á rehabilitación das vivendas, cando vai un par de anos non foi quen de considerar a proposta do BNG de implantar unha oficina municipal, en cooperación coa Axencia Enerxética provincial, empresariado e profesionais locais, para captar e rendibilizar, cunha visión social e de actividade económica, os fondos destinados á rehabilitación enerxética".
"De ser certo que o PSOE pretende mobilizar o maior número de vivendas que poida cubrir a demanda actual, podería dar solución ao problema urbanístico dunhas 1.000 vivendas que non teñen licenza de primeira ocupación, aplicando o mesmo criterio que o utilizado para unha soa delas, de xeito arbitrario", subliñan.
O BNG entende que o Concello "pode e debe actuar, dentro das súas competencias e cos instrumentos que ten, para facilitar o acceso á vivenda, atendendo á propiedade que controla a oferta, mais tamén, e en maior grao, á xente do pobo que a demanda. É cuestión de interese e traballo, non de publicidade mediática".