O BNG das Pontes inicia un ciclo de manifestacións para a mellora da atención primaria na vila

TerraChaXa
Manterán a concentración todos os xoves, ás 12.00 horas baixo o lema 'Non ao desmantelamento dos servizos de saúde'
concentracion-bng-servizos-saude-atencion-primaria-as-pontes
17 Jan 2025

A veciñanza pontesa concentrouse onte diante do Centro de Saúde convocada polo BNG baixo o lema Non ao desmantelamento dos servizos de saúde. Esta convocatoria manterá a súa continuidade todos os xoves ás 12:00h, na reclama da mellora e mantemento do servizo da atención primaria na vila.

Na convocatoria, o BNG reitera a súa aposta polo fortalecemento dos servizos de saúde en contra do seu desmantelamento. Esta aposta, sinalan, pasa pola busca dun novo modelo de atención que garanta a cobertura dos servizos necesarios para a poboación, a súa proximidade e accesibilidade. "Este novo modelo implica unha mirada diferente, vertebrado na atención primaria, e que aposte ademais da curación da patoloxía, pola prevención, promoción da saúde e a saúde comunitaria. Ademais, deberá conectar e tender á integración cos servizos sociais, sociosanitarios e activos comunitarios para lograr unha atención integral e de calidade. Este obxectivo non é posible sen servizos directos e sen profesionais que atendan, de xeito multidisciplinar, as diferentes necesidades".

Nesta liña e para o caso das Pontes, sinalan as súas reclamacións a cobertura definitiva e completa do servizo de pediatría. "Denunciamos o deficiente funcionamento deste servizo desde fai anos, sen garantía de cobertura das dúas prazas contempladas e constante inestabilidade (co consecuente cúmulo de traballo e falta de atención para pacientes que deben desprazarse ás urxencias hospitalarias para ser atendidos/as)".

Tamén reclaman o reforzo das/os profesionais existentes cando aumenten as necesidades (médicas/os, enfermeiras/os, fisioterapeutas,...) e a cobertura de baixas, ausencias… para evitar sobrecarga nos/as profesionais titulares.

A idoneidade da incorporación de novos perfís profesionais para acadar a atención integral que se pretende: psicoloxía, fisioterapia, nutrición…etc é outra das demandas, así como a garantía de diferentes servizos como a incorporación do servizo de raios X, servizo de transporte a domicilio para o persoal e cobertura suficiente de transporte sanitario urxente.

"Dende o BNG presentamos en varias ocasións mocións ao pleno do Concello para reclamar a súa implantación así como presentamos cada ano enmendas aos Orzamentos da Xunta".

0.16742992401123