O BNG das Pontes pide transparencia na xestión das modificacións urbanísticas

TerraChaXa
"Despois de máis de 16 anos de goberno sen ser quen de elaborar e aprobar o Plan Xeral de Ordenación Urbana (PXOM), o PSOE continúa a facer uso abusivo dunha vella ferramenta urbanística, ás modificacións puntuais das normas, utilizadas algunhas das veces para dar resposta a intereses particulares", así o asegura o BNG, que esixe transparencia e información por parte do Goberno local.
mapa pxom as pontes
12 Xan 2024

"Despois de máis de 16 anos de goberno sen ser quen de elaborar e aprobar o Plan Xeral de Ordenación Urbana (PXOM), o PSOE continúa a facer uso abusivo dunha vella ferramenta urbanística, ás modificacións puntuais das normas, utilizadas algunhas das veces para dar resposta a intereses particulares", así o asegura o BNG, que esixe transparencia e información por parte do Goberno local.

Din que desta volta trátase dunha segunda modificación ou modificación de algo xa modificado (e vai pouco tempo), como é o caso do Poboado das Veigas, que fora aprobada en xuño de 2019, e dar cobertura urbanística ao chamado novo viario de acceso, con efectos urbanísticos ampliados até a zona da Balsa e Trás da Ponte.

Explican que ass dúas veñen de rematar o seu procedemento ambiental, iniciado a comezos de agosto de 2023, con resolucións publicadas no DOG o pasado 9 e 11 de xaneiro. "Tamén comparten as dúas a ausencia de información previa e de transparencia, máis aló da súa publicación no DOG. Dende agosto até hoxe non se convocou Comisión algunha no Concello para tratar as modificacións urbanísticas. O BNG ten contactado con persoas que son propietarias de terreos para os que se propón algún cambio na súa cualificación urbanística, e con outras afectadas por residentes nas zonas ou por proximidade ás mesmas, e en ningún dos casos dispoñen de información algunha, amosando sorpresa e desconfianza da proposta feita polo goberno municipal", engaden.

"E non se trata de cambios menores e sen importancia", din. No caso das Veigas pode afectar ao proceso de recepción das obras de urbanización que Endesa entende rematadas, "xa que coa modificación proposta preténdese, entre outros aspectos, dar cobertura urbanística aos cambios e modificacións feitos durante as obras; tamén afectan a novos equipamentos públicos (como a parcela anexa ao hospitalillo, que aumenta a edificabilidade e ocupación, ademais de permitir dúas alturas), cambios na tipoloxía das vivendas, garaxes que se recoñecen e non se consideran fóra de ordenación, límites e tipos de peches das parcelas".

Os cambios de maior importancia preséntanse na modificación que afecta da vía do novo acceso, no que se persigue, entre outros aspectos, regularizar a situación urbanística das naves da Balsa, en parte sobre zona verde, e cambiar a solo urbano os terreos cara á zona de Trás da Pontes para o seu uso como industrial. O Informe ambiental da Xunta recomenda cambios na proposta, como manter a zona industrial prevista cos terreos en estado natural, cualificar como zona verde, e prever a desaparición das naves e edificacións existentes, todo coa finalidade de preservar os valores paisaxísticos e ecolóxicos do río Eume.

"Diante da situación de ausencia de información, transparencia e participación", e co procedemento de aprobación urbanística pendente, o BNG vén de solicitar unha convocatoria urxente da Comisión de Urbanismo, ademais de rexistrar unha moción para a realización de actos públicos informativos por parte do Concello sobre das dúas modificacións urbanísticas.

0.18393206596375