O BNG das Pontes pide un fortalecemento dos servizos sociais e sanitarios no concello
O BNG das Pontes leva anos demandando ao goberno municipal a cobertura das necesidades sociais da poboación, entre as que destaca a construción dun centro residencial público que permita cubrir a demanda actual da vila e que reduza o afastamento das persoas maiores e/ou dependentes da súa contorna.
Tal e como recollía o programa electoral presentado para as eleccións municipais de maio de 2023, o BNG mantén a súa aposta polo fortalecemento e planificación dos servizos sociais e sanitarios, tanto coa creación de novos servizos como co mantemento e mellora dos existentes.
Neste senso, foron promovidas numerosas actuacións nos últimos anos para esixir ao PSOE a cobertura urxente das ditas necesidades. Sobre a atención de persoas maiores e dependentes, demándase de xeito continuado a creación dun centro residencial público, destacando xa no ano 2019 unha recollida de sinaturas para este fin así como constantes peticións en pleno como oposición. "Constan novas de prensa durante máis de 16 anos de goberno do PSOE onde son plasmadas promesas incumpridas (localización, financiamento, titularidade, no de prazas...), demostrando a falta de transparencia, o abandono e desatención deste sector da poboación", din.
Tamén nesta liña, o BNG presentou o 1 de marzo deste ano unha moción en pleno sobre a necesidade de aumentar as prazas do centro de día, pasando das 16 actuais (dende a súa apertura no ano 2012) ata chegar ás 30 que ten autorizadas. Foi acordada en pleno a presentación de demanda ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar sobre o cumprimento das súas obrigas así como a convocatoria urxente de xuntanza entre a Comisión de Benestar Social, Igualdade, Educación e Contratación coa Presidencia e a Xerencia do Consorcio, "non tendo a día de hoxe, 6 meses despois, comunicación de cambio algún por parte do goberno municipal".
No que respecta ao plano sanitario, o BNG presentou mocións en pleno para a implantación no centro de saúde das Pontes do servizo de raios X, co obxectivo de asimilarse a outros concellos da contorna e poder ofrecer a maior proximidade posible á veciñanza, non obtendo resposta polo momento. Con relación a isto, existe constancia de pacientes xa derivados ao novo servizo de raios nos centros de saúde de Pontedeume e Ortigueira, provocando malestar entre a veciñanza afectada por non poder contar con esta atención na súa vila. Este grupo municipal mantivo contacto coa coordinación do centro de saúde para coñecer de primeira man esta circunstancia, as necesidades actuais, o funcionamento en áreas concretas e para informar de que como oposición permanécese alerta ante as ditas necesidades, como pode ser a descontinuidade de servizos como o de pediatría, trasladando a permanente demanda da cobertura continuada das dúas prazas asignadas neste centro.