O BNG das Pontes presentou o seu programa ante o electorado
A candidata do BNG das Pontes ás eleccións municipais do 28M presenta o seu programa electoral para impulsar a vila. Logo de semanas de traballo continuado, escoita e participación veciñal e social, o equipo liderado por Carmela Franco presenta a súa guía de goberno dividida en catorce puntos e guiada por tres eixos fundamentais: as persoas, os recursos e a administración.
Este programa conta con máis de oitenta actuacións concretas recollidas nun formato que permite visualizar cunha mirada rápida as propostas para facer das Pontes unha vila para vivir e da que recuperar o orgullo, como se indica na propia portada. Os apartados máis relevantes desta folla de ruta céntranse no ámbito dos coidados e no industrial e enerxético.
Entre as propostas máis relevantes, pódense destacar a posta en marcha dun Fogar das Maiores na Canle IV adaptada a necesidades diversas, un programa de apoio ás familias, a demanda para que se leve a cabo o concurso de Transición Xusta, a creación dunha empresa enerxética municipal ou desenvolver actuacións para atraer iniciativas industriais.
Ademais destes alicerces do programa, existen actuacións en diferentes ámbitos coma o da xuventude, o deportivo, o participativo, o cultural ou o patrimonial. Proponse un Plan de Emancipación Xuvenil, a creación do Lar da Mocidade, o impulso do servizo de normalización lingüística municipal, a posta en marcha dunha Vila Deportiva ou un Plan de Xestión Deportiva Municipal que remate co caos existente na actualidade.
A candidatura pon tamén a mirada no rural coa intención de crear unha ponte entre o centro urbano e as parroquias, cun tratamento especial no PXOM, dotación orzamentaria específica, dinamización social e cultural ou cun plan anual de mantemento de infraestruturas. Ao mesmo tempo, procúrase recuperar e reactivar os servizos públicos devaluados nestes últimos anos, como a Oficina de Recadación ou a OMIC, asemade de realizar unha planificación e renovación da organización municipal.
A candidata á Alcaldía, Carmela Franco, sinala que “con este documento, amosamos que ademais do mellor equipo, temos o mellor programa, cunha aposta clara pola diversificación e reactivación de todos os sectores sociais e produtivos ponteses. É froito de meses de traballo e de escoita activa das veciñas e veciñas para poder transformar as súas necesidades en solucións”.
A posta de largo desta folla de ruta foi onte no Cine Alovi da man da propia Carmela Franco, Emma Lamas, Diego Balsa e coa participación do alcalde de San Sadurniño, Secundino García. Asemade, contouse coa actuación do grupo pontés Arrivederci.