O BNG das Pontes reclama unha reorientación do servizo de recollida de lixo

TerraChaXa
Considera que é represivo co persoal, incumprindo o prego do contrato
Lixo
17 Oct 2024

O servizo de recollida do lixo e limpeza viaria foi contratado en xuño de 2016 a unha unión temporal de empresas da que só queda Valoriza, que comprometeu unha baixa dun 22,9% sobre do prezo inicial (as outras estaban entre o 4,5% e o 16,5%), uns 7 millóns de euros por 12 anos. Logo de dar por finalizado o contrato en setembro do ano pasado, de xeito anticipado e por acordo das partes, e mentres non se fai un novo contrato, a mesma empresa continúa a prestar o servizo, nas mesmas condicións, por un ano e medio como máximo, que foi o tempo que levou facer o anterior.

Como xa vén denunciando o BNG, a día de hoxe non se ten iniciado a tramitación do novo, o que vai supoñer que o servizo aumente o seu custe nun 22,9% dende finais de ano e durante, cando menos, outros 15 meses; é dicir, a empresa que presta o servizo vai ser premiada polo goberno municipal do PSOE cuns 10.000 euros máis ao mes.

"E trátase dunha empresa que non respectou os acordos co Concello e que, co coñecemento e consentimento cómplice do goberno municipal, ten unha xestión de persoal represiva e contraria aos intereses locais, mantén os salarios de 2020, debe ás traballadoras uns 2.600 euros dende as festas do ano pasado, non cubre baixas, trasladou persoal a outros concellos (no San Xoán e na folga da Coruña), e non está a prestar todos os servizos, e os que atende faino de xeito moi deficiente (chega con mirar os contedores defectuosos ou rotos dende vai tempo, a sucidade no seu contorno, ...), nun incumprimento máis que evidente das condicións do contrato", indican.

O Grupo Municipal do BNG ten solicitado unha reunión urxente dos grupos municipais co alcalde como un intento máis de reconducir a situación organizativa e de prestación do servizo, ou, pola contra, demandar do goberno municipal do PSOE a posta en marcha das medidas precisas para denunciar e rescindir o contrato actual coa empresa, o que tamén debería terse en conta na nova adxudicación.

Tamén entende o BNG que o novo concurso debe permitir ao Concello, ademais de cumprir coa lexislación vixente e prestar un servizo máis actualizado e práctico, a oportunidade de desenvolver actuacións relacionadas coa xestión dos residuos no ámbito enerxético, cun maior beneficio para as veciñas e veciños.

"A competencia e a responsabilidade do servizo é, na actualidade e mentres non se aprobe e aplique a nova organización municipal, do alcalde. Vai sendo hora", conclúen.

0.1643750667572