O BNG das Pontes urxe o inicio do traballo das comisións
O BNG das Pontes manifestou o seu descontento porque o goberno municipal do PSOE necesitara 15 días para constituír as comisións municipais de traballo.
"Despois de máis dun mes do inicio da nova lexislatura, o xoves 20 tivo lugar unha reunión no Concello para constituír as Comisións e posibilitar o traballo político municipal; pero só foi unha tarefa burocrática, para establecer a súa composición e escoller á presidencia das mesmas -por certo, todas para o que tamén fai de alcalde-; nada de traballo inmediato e urxente".
Insistiu o BNG en que son moitos os temas pendentes e prioritarios que demandan dun Concello activo e en marcha. Por iso a representación do BNG demandou na propia sesión de constitución convocatorias urxentes de todas e cada unha das Comisións para tratar, cando menos, varios asuntos.
Entre eles demandan a convocatoria do prometido e comprometido Concurso de Transición Xusta que posibilite captar proxectos con garantía, a situación dos proxectos anunciados, a problemática ambiental do parque eólico da escombreira "que non informou o Concello e a súa posible afección ao lago", necesidade de ordenar os usos compatibles e a xestión do lago, a concreción do protocolo coa Deputación para a Residencia no relativo á súa situación e ao elevado e desproporcionado custe para o Concello (máis de 1 millón de euros), analizando a opción da Canle IV e outros usos alternativos e de interese para o colexio Pardo Bazán.
Tamén queren que se comeza a traballar sobre a problemática da atención á diversidade nos Centros Educativos da localidade, obriga de regular o funcionamento e os ingresos económicos do circuíto de karts, coa prioridade e urxencia de resolver os problemas de ruídos á veciñanza, a situación preocupante, dende o punto de vista laboral e de servizo, do contrato da recollida do lixo e das súas oportunidades a curto-medio prazo ou a urxente necesidade de modificación de ordenanzas fiscais relativas aos parques eólicos que se están a autorizar.
Requiren tamén o compromiso do alcalde en funcións e presidente de todas as Comisións foi de convocalas nesta semana (incumprido) e na que vén.
O 17 de xuño Valentín González Formoso tomou posesión do cargo de alcalde, mais tamén, como subliñou o BNG, “das responsabilidades e obrigas que implica, e da dedicación necesaria que demanda”, e xa está a incumprilo todo.
O BNG demándalle que, cando menos, non impida o noso traballo municipal.