O BNG de Barreiros di que as consecuencias da resolución xudicial son as que sofren os veciños
Coñecido o fallo do procedemento xudicial aberto contra o goberno de Barreiros, o Bloque Nacionalista Galego sinala que "a resolución xudicial forma parte dun proceso que valora cuestións estrictamente obxectivas e xurídicas, pero as verdadeiras consecuencias da xestión do Partido Popular en Barreiros, con Alfonso Fuente á cabeza, son as que sufrimos os veciños do concello."
Segundo a portavoz municipal, Ana Ermida, "o proceso xudicial está aberto e, sen coñecelo en profundidade e non sendo parte do mesmo, parece que o que ditaminara a xustiza non ía modificar nada da situación na que se atopa actualmente o Concello de Barreiros."
"As verdadeiras consecuencias da política urbanística do Partido Popular e Alfonso Fuente son as que se ven cada día en Barreiros: un Concello na ruína económica a consecuencia do despilfarro, sumido no abandono por parte dun goberno municipal ausente, carente de iniciativas e ideas para mellorar, etc."
"Esas son as consecuencias dun modelo de xestión que se manifestou co boom urbanístico e que chega ata os nosos días, deixando unha imaxe de Barreiros nefasta consecuencia directa da xestión de Alfonso Fuente co respaldo do Partido Popular", afirma Ana Ermida.
A portavoz municipal conclúe sinalando que "o feito de que o fallo sexa nun sentido ou noutro non vai cambiar nada na práctica para Barreiros. Simplemente agora existirá a oportunidade para que as veciñas e veciños poidan decidir se queren seguir apostando polo Barreiros que estamos sufrindo actualmente ou cambiarlle o rumbo; porque Alfonso Fuente declárase tranquilo polo fallo xudicial, pero parece que non lle importa a situación na que está deixando Barreiros e ás súas veciñas e veciños, o que demostra que a única preocupación que ten é a súa situación persoal, non a da xente."