O BNG de Barreiros pide unha entrada ao polígono na conexión da A-8 e a futura A-74

TerraChaXa | AMariñaXa
22 Xan 2019

O Bloque Nacionalista Galego en Barreiros vén de presentar unha moción para o seu debate no pleno  a respecto da necesidade de que o Concello de Barreiros presente unha alegación ao proxecto da A-74 para garantir que o polígono industrial situado na Cruz do Lobo conte con un acceso directo á conexión desa autovía coa A-8 que se proxecta a escasos metros do mesmo.
A portavoz municipal, Ana Ermida, asegura que "nunha obra da envergadura da que se prevé,  realizar unha conexión co polígono de Barreiros que lle garanta maior facilidade de acceso ao mesmo, é tecnicamente posible e economicamente viable, xa que o polígono está a escasos 500m. da conexión." Asegura, ademais, que "con esta pequena medida, o polígono de Barreiros pasaría a converterse na zona industrial mellor situada en toda a A-8 e na propia A-74, co pulo que iso suporía á zona industrial e as repercusións económicas e sociais que se derivan dese feito".
Para o BNG, "apostar pola política industrial en Barreiros é facer este tipo de xestións e non anunciar implantacións de empresas pantasmas cada catro anos en período electoral", afirman.
Ana Ermida asegura que "se o polígono de Barreiros conta con unha entrada directa que evite os desprazamentos a contrasentido para o acceso aos mesmos, a competitividade que se lles dá ás empresas que xa están instaladas no mesmo e a posta en valor do propio polígono pode ter unhas fantásticas consecuencias no desenvolvemento económico do municipio."
"Queremos arrincar o compromiso do goberno municipal de que poña os servizos técnicos a traballar nesta proposta e que antes do 5 de febreiro, cando finaliza o prazo de alegacións, presente ante o Ministerio de Fomento a proposta técnica para esixir que se teña en conta no trazado definitivo da A-74 a necesidade do polígono barreirense de contar con ese servizo de acceso directo", explica a portavoz municipal.
Se no pleno do luns a moción non sae adiante, o BNG asegura que o será a propia formación nacionalista a que se dirixa ao Ministerio.

0.079836130142212