O BNG de Barreiros presenta unha candidatura co máximo de persoas permitido para cambiar o futuro do concello

TerraChaXa | AMariñaXa
17 Apr 2019

O Bloque Nacionalista Galego en Barreiros vén de facer pública a candidatura coa que concorrerá ás vindeiras eleccións municipais do 26 de maio. A lista encabezada pola actual portavoz municipal, Ana Ermida, está composta por 21 persoas que representan "un proxecto de goberno para hoxe e para os vindeiros anos". "Presentamos un equipo conformado por persoas con experiencia e persoas novas, na política municipal e tamén en idade; dispostas a cambiar o futuro de Barreiros desde hoxe mesmo", asegura Ana Ermida.

A portavoz municipal asegura que "a lista que presenta o BNG é moito máis que as mulleres e homes que a compoñen, porque cada unha desas persoas representan idades, sectores, preocupacións e ocupacións que teñen cabida no concello. Somos un equipo integramente barreirense, ao que o único que o move é o interese por desterrar do noso concello as políticas que están condenando a Barreiros a ser obxectivo constante de novas negativas", afirman desde o BNG.

"Unha lista de máximos, en cantidade e calidade"

O número de persoas que conforman a candidatura nacionalista non é casual: é o número máximo permitido pola lexislación electoral, contando con 11 persoas titulares e 10 suplentes. "É a mostra máis palpable do bo momento polo que atravesa o BNG en Barreiros", afirma Ana Ermida. "Contamos con un grupo numeroso, plural, diverso e con capacidade, ilusión e ganas de devolverlle a Barreiros o bo nome que o converta nun concello referente pola súa capacidade e o seu desenvolvemento", asegura.

Das 21 persoas que compoñen a lista, 9 delas son novas incorporacións, fundamentalmente de xente moza que "demostra que as mozas e mozos deste concello queren poder vivir e traballar no lugar onde naceron, acreditan na potencialidade de Barreiros e apostan polo proxecto do BNG para lograr un concello do que sentir orgullo. Pero demostra, sobre todo, que hai xente disposta a traballar polo seu concello con humildade, con constancia e con dedicación para mellorar a calidade de vida das veciñas e veciños", manifesta Ana Ermida.

A portavoz municipal amósase "moi satisfeita" coa composición da candidatura e sinala que "o único negativo é que nos postos titulares só poden ir 11 persoas, porque realmente calquera das 21 persoas teñen capacidade, ilusión e valía para ocupar calquera posto." Agradece tamén "a boa e total disposición de todas e cada unha das persoas que, lonxe de poñer ningún tipo de condición, se prestaron a traballar desde calquera lugar; mesmo algunha sen aparecer na lista, e que contribuirán a que Barreiros teña un goberno municipal digno e dedicado integramente ao interese e ao servizo das veciñas e veciños."

A candidatura: desde mozas de 21 anos a persoas xubiladas.

"A incorporación de xuventude á nosa candidatura foi un obxectivo fundamental, porque queremos demostrar que hai futuro e que ese futuro pasa por un cambio de goberno e polo BNG", afirma a portavoz municipal. "Que unha persoa de 21 anos se implique na política municipal, significa que a mocidade quere ser un actor principal no cambio que precisa este concello", explica a respecto da incorporación de Sarai López Rocha, veciña de San Miguel, que se atopa finalizando os estudos que a converterán en técnica en atención a persoas en situación de dependencia; mentres os compaxina co traballo como camareira.

Daniel García Fernández, mestre e técnico de actividades deportivas de Celeiro, recunca na candidatura, pasando do número 8 na candidatura do 2015 ao 5, en claro posto de saída; "o que é outra mostra do papel central que ten a xente moza no proxecto que presenta o BNG".

Con este mesmo perfil de xente moza, que non acadan os 30 anos, repiten na candidatura Diego Vizoso, mecánico de Benquerencia e Marta Castrillón, enfermeira de San Miguel. E incorpóranse a mestra Ofelia Cebrián, de San Cosme; a camareira Miriam López Ramos, de Celeiro e o deseñador gráfico e estudante de xornalismo Carlos Baamonde, de San Miguel.

Entre os 30 e os 40 anos, tamén aparecen novas caras, como a mestra Noela Fernández Soto, de San Miguel e Pedro Villar, torneiro-fresador de San Cosme.

Suman ademais a presenza de Miguel Ángel Vilar, gandeiro da Insua; Minerva Bermúdez, xubilada da Espiñeira e Gloria Pérez Rodríguez, de Vilamartín Grande, traballadora do sector servizos.

Repiten na candidatura, ademais do actual grupo municipal composto por Antonio Veiga, Montse Porteiro e Dámaso Ratoeira, a maiores da propia Ermida; Cándido Álvarez Veiga, actualmente gandeiro xubilado da Rilleira; Xoán Manuel Díaz Branco, de san Miguel, traballador sindical da CIG; Xoán Antonio Fernández Sante, palista de Ibia; Luzía Pérez García, de San Cosme, licenciada en Belas Artes, especialista en moda e marketing e actualmente xestora de equipos nunha cadea de moda familiar en Barcelona e Xesús Díaz Branco, economista e asesor fiscal de San Miguel.

A lista completa compóñena Ana Belén Ermida Igrexas. Santiago de Reinante. Licenciada en dereito e traballadora da administración local; Antonio Veiga Outeiro. Celeiro. Deputado provincial; María Montserrat Porteiro Sánchez. San Cosme. Enfermeira na unidade de diálise do Hospital da Costa; Dámaso Ratoeira Basanta. San Cosme. Axente medioambiental da Xunta de Galiza; Daniel García Fernández. Celeiro. Mestre e técnico en actividades deportivas; Noela Fernández Soto. San Miguel. Mestra; Cándido Álvarez Veiga. A Rilleira. Gandeiro xubilado; Ofelia Cebrián Paz. San Cosme. Mestra; Diego Vizoso Castro. Benquerencia. Mecánico; Marta Castrillón Freire. San Miguel. Enfermeira; Miguel Ángel Vilar Rego. A Insua. Gandeiro; Miriam López Ramos. Celeiro. Camareira; Xoán Manuel Díaz Branco. San Miguel. Sindicalista; Sarai López Rocha. San Miguel. Estudante de técnica en atención a persoas en situación de dependencia e camareira; Pedro Villar Rodríguez. San Cosme. Torneiro-Fresador. Programador da producción en fabricacion mecanica; Minerva Bermúdez Montenegro. A Espiñeira. Xubilada; Xoán Antonio Fernández Sante. Ibia. Palista; Luzía Pérez García. San Cosme. Xestora de equipos dunha cadea de moda familiar en Barcelona; Carlos Baamonde Bermúdez. San Miguel. Deseñador gráfico e xornalista; Gloria Pérez Rodríguez. Vilamartín Grande. Traballadora do sector servizos; Xesús Díaz Blanco. San Miguel. Economista e asesor fiscal e contable.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17065191268921