O BNG de Burela ponse a disposición da veciñanza e propón medidas
O BNG de Burela traballa para que a veciñanza de Burela leve o mellor posible esta crise do COVID-19 e, sobre todo, as súas consecuencias. Como xa fixeron na comisión de seguimento creada no concello, que pasa de presencial a telemática por solicitude rexistrada polo grupo municipal do BNG, os nacionalistas presentan propostas para protexelo tecido comercial e os sectores mais desfavorecidos.
“A nosa obriga é poñernos a disposición da veciñanza, que foi a que nos elixiu e non podemos fallar” comezou o voceiro do BNG, Mario Pillado. “Temos aportado as nosas propostas ó goberno nesta comisión, porque nos parecen xustas e porque nolas fan chegar a diario veciños e veciñas. Algunhas como a desinfección das rúas finalmente conseguimos que se levase a cabo pero outras aínda están pendentes. Somos conscientes que a situación dos concellos é moi difícil, por iso fundamentalmente o que plantexamos é que por parte dos técnicos municipais ou cun asesoramento doutras administracións competentes o goberno socialista esgote as opcións que ten dentro do marco legal existente para beneficiar ó tecido comercial e autónomos de rebaixas ou exencións a nivel fiscal” proseguiu Pillado.
No punto de mira de toda a veciñanza está o recibo de auga e lixo, posto que levaba uns meses de atraso “como comprobamos estes días pasaron ese recibo, despois de que a prevista falla de persoal provocara unha longa carencia, polo que en Burela atopámonos cunha singularidade que pode ser moi problemática porque se agora se van engadir os atrasos a esta taxa as consecuencias para autónomos, comerciantes e hostaleiros poden ser mais brutais aínda, sen olvidar que para os fogares tamén pode ser crítico ter que facer fronte nesta situación ós atrasos” indicou o voceiro nacionalista.
Os nacionalistas tamén cren “que o goberno local debe coordinarse cos outros concellos a nivel comarcal, pedir asesoramento na Fegamp ou incluso na Femp pero, sobre todo, liderar esta coordinación a nivel mariñán, porque é o lugar que lle corresponde ó noso concello para tentar obter acordos polos que se poda modificalo marco legal para que sexa posible empregar o superávit sen atender a restricións económico-financeiras” sinalou o voceiro do BNG.
“Ademais en Burela temos particularidades que nos converten agora mesmo principal foco de actividade e risco: co Hospital da Costa, a lonxa da que saen e entran transportes de peixe a diario e coa maior densidade de poboación da comarca. Temos que dar un paso adiante para tentar anticiparnos ó que poda vir a partires de agora” analizou Pillado que continuou dicindo que “do mesmo xeito que nos enfrontamos ó negativo destas singularidades, no apartado das vantaxes, o noso concello ten os orzamentos municipais sen aprobar, a diferencia da maioría dos concellos, polo que o BNG vai propor que teñan un marcado carácter social e se centren na situación que temos que tentar atallar”.
Por outra banda, os nacionalistas seguen con preocupación as novas sobre os dous casos de positivo no virus detectados no persoal da residencia de maiores de Burela. Sen ánimo de alarmar e por seguridade “propoñemos que se realicen test de forma inmediata a todo o persoal e usuarios do centro, que se lles dote do material necesario e equipos de protección individual axeitados para a situación e que se extreme a hixiene e desinfección como mínimo imprescindible para controlar a propagación da enfermidade” indicou Pillado.