O BNG de Burela segue a preguntar sobre a contratación irregular de profesorado

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
Á espera da documentación solicitada en relación á contratación irregular de profesorado na Escola de Música Municipal, o BNG de Burela ven de rexistrar unha batería de preguntas sobre esta cuestión, tal como adiantaba o portavoz nacionalista Mario Pillado hai só uns días.
12 Mar 2020

Á espera da documentación solicitada en relación á contratación irregular de profesorado na Escola de Música Municipal, o BNG de Burela ven de rexistrar unha batería de preguntas sobre esta cuestión, tal como adiantaba o portavoz nacionalista Mario Pillado hai só uns días.

O BNG denunciaba estas irregularidades logo de coñecer un informe da Intervención Municipal do 17 de febreiro no que se sinalaba que se está a prestar unha parte do servizo mediante xestión indirecta, incumpríndose o Regulamento de funcionamento da Escola de Música Municipal e a Lei de Contratos do Sector Público

As preguntas formuladas polo BNG van dirixidas á Concellaría de Cultura e á propia Alcaldía, co fin de pór luz ás irregularidades detectadas na Escola de Música Municipal. “É moi grave que o señor Llano recoñeza que efectivamente se contratou profesorado sen ter convocado o proceso público de selección preceptivo, vulnerando os principios de equidade e transparencia, mentres o Sr. Díaz garda silencio sen dignarse a dar ningunha explicación ao respecto. O alcalde e máis o concelleiro de cultura son os responsables directos destas actuacións á marxe da legalidade e teñen que dar a cara e non ollar para outro lado como se non fora con eles” indicou Pillado.

Para o portavoz do BNG, “a contratación discrecional de profesorado mediante unha empresa externa non é máis que a punta do iceberg dunha problemática que se arrastra desde hai anos e que se acentuou durante o pasado mandato co Sr. Díaz como concelleiro de Cultura, con constantes retrasos no inicio do curso na Escola de Música Municipal, debido ao incumprimento dos prazos na contratación de profesorado, chegando incluso a paróns de case 4 meses sen actividade durante o curso 2016-2017.”

Desde a formación sinalan que “resulta chamativo que unha vez acadada certa estabilidade na plantilla de profesorado da ESMU ao serlle recoñecida a condición de persoal laboral indefinido durante o mandato 2007-2011, se chegase a unha situación de inestabilidade e improvisación permanente na contratación de profesorado e no cumprimento do calendario escolar.”

Mario Pillado indicou que “durante o pasado mandato quedaron vacantes 4 postos de traballo na Escola de Música, debido á renuncia voluntaria do profesorado que impartía docencia nas respectivas especialidades instrumentais. O Sr. Díaz debe aclarar se efectivamente estes catro profesores prestaban servizos como persoal laboral con carácter indefinido, se se mantivo a consignación orzamentaria correspondente a estes postos de traballo e se as prazas vacantes foron cubertas mediante a correspondente convocatoria pública de selección ou se estas especialidades se están a contratar a través dunha empresa externa.”

“O Sr. Díaz e o Sr. Llano teñen que dar explicacións sobre este e outros asuntos canto antes, porque hai moitos interregantes sobre a xestión da Escola de Música aos que hai que dar unha resposta inmediata. Se finalmente se confirma que houbo unha xestión irregular do servizo, como se desprende dos informes consultados ata o momento á espera da restante documentación solicitada, exixiremos as responsabilidades oportunas”, concluíu Pillado.

0.10083293914795