O BNG de Burela ve moi complicado un acordo co PSOE
A poucos días do Pleno de organización, o BNG ve moi complicado un acordo co PSOE e sinalan que cada día que pasa está máis lonxe a posibilidade de chegar a un pacto de goberno.
O portavoz municipal do BNG, Mario Pillado, sinalou que a “gobernabilidade do Concello non está garantida unicamente en base á investidura e lembra ao señor Llano que o PSOE perdeu a maioría absoluta dúas veces en seis meses e que o futuro de Burela pasa necesariamente por un acordo que garanta un goberno municipal estable e que traballe para dar solución aos problemas e necesidades da nosa vila”.
Pillado cualificou de irresponsábel a actitude de Alfredo Llano. “O señor Llano non se sentou a falar connosco desde que foi investido alcalde o pasado 7 de decembro. É unha actitude irresponsábel por parte da máxima autoridade no Concello, que demostra unha total deixadez e unha despreocupación absoluta polo futuro de Burela. O señor Llano semella estar máis preocupado polo seus propios intereses e polos do seu partido que polo interese xeral do conxunto dos veciños e veciñas de Burela”, indicou Pillado.
A pesar das dificultades e aínda que a priori semella complicado acadar un acordo de goberno pola negativa do PSOE a chegar a un entendemento, desde o BNG fan un chamamento ao sentido da responsabilidade e aseguran que aínda se está a tempo de salvar un goberno estábel para Burela. “Llano debe abandonar o unilateralismo partidista e os personalismos e pórse a traballar polo ben común canto antes. Se de verdade lle preocupa un pouco o futuro inmediato de Burela, non ha de ser tan complicado atopar puntos en común para pór o Concello ao servizo do conxunto das veciñas e veciños de Burela”, sinalou Pillado.
Para os nacionalistas, o acordo pasa por concretar unha axenda local en base a cuestións programáticas que teña en conta as principais necesidades de Burela, e isto non se pode garantir sen a presenza do BNG no goberno. A única fórmula que contemplan os nacionalistas pasa por asumir responsabilidades dentro dun goberno compartido e descartan apoios puntuais se non hai un acordo en base a un programa de goberno.
O portavoz municipal do BNG, Mario Pillado, aclarou que “o ideal tería sido chegar ao pleno de constitución cun acordo de goberno, mais a actitude pasiva e despreocupada do señor Llano impediron pechar unha proposta de goberno antes do 7 de decembro”. Neste sentido, Pillado lembrou que por este motivo o BNG non deu o seu apoio á investidura de Alfredo Llano, a pesar de que desde o PP se está a tentar trasladar a idea de que o BNG facilitou a investidura do candidato socialista. “O PP sabe perfectamente que na sesión constitutiva do día 7, unicamente o PSOE presentou candidato á alcaldía e que foi investido cos únicos votos dos concelleiros e concelleiras socialistas. Se queren poden seguir xogando a xerar confusión e a sementar dúbidas para ver se pescan algo en augas revoltas, mais eu penso que deberían preocuparse un pouco máis por pór rumbo ao seu propio barco se non queren seguir á deriva despois de colleitar o peor resultado eleitoral do PP desde que Burela é concello”, concluíu Pillado.