O BNG de Castro de Rei pide unha aclaración das solucións do Concello para o subministro de auga

LugoXa | TerraChaXa
O BNG considera "especialmente grave que se xogue coa preocupación dunha parte importante da poboación"
captacion-de-auga-en-quintela-bng-castro
19 Feb 2026

O BNG de Castro de Rei denuncia a "falta de rigor, as contradicións e as continuas mudanzas de versión" do goberno municipal do PP arredor das actuacións anunciadas para solucionar os "graves problemas" da traída municipal de auga, unha situación que leva anos afectando á veciñanza, á hostalaría e ao tecido empresarial do concello.

A portavoz municipal do BNG, Olga García, critica que “o alcalde Francisco Balado leve máis dun ano anunciando solucións que nunca chegan mentres a realidade é que hai veciños e negocios que continúan sen poder facer uso da auga municipal con normalidade”.

Desde o BNG lembran que xa en marzo de 2025 o goberno municipal anunciou un proxecto para mellorar o abastecemento, "asegurando que sería a solución definitiva aos problemas existentes. Porén, apenas un ano despois, en febreiro de 2026, o propio alcalde volvía realizar un novo anuncio tras unha reunión coa conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, presentando outro proxecto diferente e falando agora dun investimento millonario para resolver a mesma situación".

“Ou ben o proxecto de 2025 non era real ou ben o de agora tampouco o é. O que non pode ser é que cada poucos meses apareza un novo anuncio sen que a veciñanza vexa unha soa obra executada nin unha mellora efectiva no servizo, non se pode vender fume”, sinalou García.

A nacionalista lembra ademais que no último pleno municipal, e a preguntas do BNG, o propio alcalde asegurou que o único que faltaba era a sinatura entre o Concello e a Confederación Hidrográfica para executar un arranxo valorado en 3 millóns de euros, "unha afirmación que entra en clara contradición cos novos anuncios realizados posteriormente".

“Estamos diante dun auténtico caos informativo. Primeiro falan dun proxecto, logo doutro distinto, despois dunha actuación que só estaba pendente dunha sinatura e agora anuncian investimentos millonarios como se todo comezase de cero. A veciñanza merece explicacións claras e non propaganda constante”, afirmou Olga García.

O BNG considera "especialmente grave que se xogue coa preocupación dunha parte importante da poboación" que leva tempo sufrindo problemas de subministro e de calidade da auga. “Non estamos falando dunha obra secundaria, senón dun servizo básico esencial para vivir, traballar e desenvolver actividade económica en Castro de Rei”, engadiu.

Por iso, o grupo municipal nacionalista esixe ao goberno local que explique con transparencia cal é o proxecto real, en que fase administrativa se atopa, que administración vai asumir o financiamento e cales son os prazos reais de execución, así como que deixe de facer anuncios reiterados sen resultados.

“O que precisa Castro de Rei non son titulares nin fotos, senón obras executadas e solucións reais para a traída municipal”, concluíu Olga García.

⚙ Configurar cookies
0.083746910095215