O BNG de Castro de Rei propón a reprobación de Comesaña pola situación sanitaria no concello
Digna Lagarón, concelleira do BNG en Castro de Rei “a actitude da consellería co noso concello é inaceptábel; é unha obriga coa veciñanza levar a cabo esta proposta”.
O Bloque Nacionalista Galego presenta no pleno deste hoxe a solicitude de reaprobación pública do conselleiro de sanidade, Julio García Comesaña, por mor da deterioración dos servizos da sanidade pública no concello.
"Castro de Rei leva soportando dende antes da pandemia da covid-19 un desgaste paulatino nos seus servizos sanitarios, como o peche indiscriminado do consultorio de Castro de Rei ou a falta de persoal facultativo para a poboación. Entre todo isto, o BNG impulsou diferentes iniciativas para denunciar e solucionar esta circusntancia, inclusive celebrar unha xuntanza co conselleiro para superar este contexto, da que non se obtivo resposta", explican.
Digna Lagarón, concelleira do BNG en Castro de Rei, declarou “a actitude da consellería con Castro de Rei é inaceptábel, estamos a soportar recorte tras recorte nun servizo vital para a veciñanza e o BNG non está disposto a consentir isto”.
Neste senso, a concelleira destacou os riscos que supón este deterioro dos servizos sanitarios de Castro de Rei “moitas veciñas e veciños viron afectadas as súas doenzas por non ter un servizo sanitario ao que acudir con plenas garantías, están vulnerando o dereito á saúde e poñendo ao persoal sanitario, que traballa aquí, contra as cordas”.
Por todo isto, Digna Lagarón subliñou “é unha obriga coa veciñanza levar a cabo esta proposta, por isto demandamos a reprobación pública do conselleiro e que o Goberno da Xunta de Galiza adopte de forma urxente as medidas precisas para contar con todos os servizos sanitarios, Castro de Rei non pode soportar un día máis coa sanidade baixo mínimos”.