O BNG pide o acordo do Pleno para solicitar a reapertura do consultorio de Castro de Rei
O Bloque Nacionalista Galego en Castro de Rei presenta unha moción para tratar no vindeiro pleno onde insta á Xunta de Galiza á reapertura do consultorio de Castro de Rei.
Esta moción vai acompañada por máis de 200 sinaturas recollidas nas parroquias afectadas, sinaturas recollidas en dúas semanas, onde tivemos o apoio total da veciñanza.
Tanto na moción como na folla de sinaturas instamos á Xunta de Galiza á reapertura do consultorio de Castro de Rei así como o compromiso de mantemento asistencial completo tanto no verán como no resto do ano. “A Xunta de Galiza ten a competencia en materia de sanidade e leva anos desmantelándonos os centros de saúde do concello de Castro de Rei coa complicidade do Sr. Alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado” explica Olga García.
Neste senso, a concelleira subliñou “é intolerábel que as veciñas e veciños deste concello non contemos con servizos sanitarios dignos, e sobre todo as doentes deste centro médico de Castro de Rei que vemos como nos pechan o consultorio dende o 15 de xuño ata o 15 de setembro” e incidiu “o peche deste consultorio é unha decisión política, decisión da cal o goberno municipal é cómplice” pois non se esta tendo en conta que a veciñanza de Castro de Rei ten que desprazarse 20 km ata o centro de Castro de Ribeiras de Lea o cal tamén esta con servizos baixo mínimos”