O BNG de Guitiriz alerta sobre o perigo da instalación de postes da luz e da fibra óptica preto da calzada
O BNG de Guitiriz comunicou a súa preocupación sobre a instalación de postes da luz e da fibra óptica a escasos centímetros da calzada en diferentes estradas do concello.
"A instalación destes postes tan preto da calzada, nalgúns casos a poucos centímetros, supón un importante perigo para a seguridade vial en estradas estreitas e nas que ás veces é necesario arrimar á beira para cruzarse con outros vehículos coma tractores ou camións e poderían constituír un perigo extremo no caso dunha saída de vía", explican.
Dende o BNG afirman que xa se puxeron en contacto co Goberno municipal por medio da concelleira Mónica Roca amosando a preocupación do BNG e da veciñanza, para denunciar "a perigosidade que ocasiona esta actuación" e para que se inste á empresa ou empresas instaladoras a modificar as instalacións retirando os postes da beira da calzada e deixando "unha marxe de seguranza suficiente para non poñer en perigo ás persoas e vehículos que circulan a diario polas nosas estradas".
A maiores, dende o BNG vemos din que "vemos con asombro como os postes en moitos casos están inclinados ou levan o cable polo medio das ramallas, nunha actuación chapuceira e que pode ocasionar avarías en pouco tempo. A fibra é un elemento moi vulnerable, que non se pode dobrar e que cun mínimo dano, deixa de cumprir a súa función polo que habería que substituíla".
"Unha instalación tan importante para o noso rural, demandada polo BNG en múltiples ocasións, debe ser obxecto dunha mellor planificación e execución dos traballos á fin de garantir servizos de calidade", afirman.