O BNG de Guitiriz informou á veciñanza dos Vilares e Labrada do proxecto do parque eólico

TerraChaXa
Despois da charla, deuse un intenso debate, recolléndose as inquedanzas da veciñanza e animando a unirse e traballar de forma conxunta para seguir informando sobre este parque
charla-guitiriz-bng-parque-eolico
16 Jan 2025

O BNG de Guitiriz organizou este mércores unha charla para dar a coñecer á veciñanza dos Vilares e Labrada o proxecto do parque eólico Satrebares, charla na que participou Xosé Manuel Golpe deputado do BNG no Parlamento Galego e consultor enerxético, xunto con Afonso Losada concelleiro do BNG en Guitiriz

Os poñentes ademais de expoñer a postura do BNG en canto á instalación do parque eólico nestas parroquias, tamén fixeron un desglose dos impactos dos aeroxeradores, con máis de 200 metros de altura, a nivel ambiental, patrimonial e social.

En canto as afectacións ambientais destacaron especies tanto de fauna como de flora que son autóctonas da zona e que xa están en perigo de extinción. Algo que tamén preocupa moito á veciñanza destas parroquias son as afectacións que este parque vai ter sobre os acuíferos, pois nesa serra existen multitude de fontes e regatos que serven como fonte de auga para abastecer estas parroquias. Así mesmo tamén se destacou o efecto negativo sobre elementos patrimoniais (mámoas).

A estes impactos súmase o empeoramento na calidade de vida da veciñanza, destacando os informes que demostran o impacto negativo que os aeroxeradores poderían ter na calidade de vida, por exemplo, o ruído, alteracións visuais (efecto discoteca) e isto ten problemas de saúde.

Afonso Losada “facemos esta charla para que a veciñanza coñeza de primeira man todo o proxecto deste parque eólico e poida defenderse ante os ataques das grandes empresas enerxéticas”

Despois da charla, deuse un intenso debate, recolléndose as inquedanzas da veciñanza e animando a unirse e traballar de forma conxunta para seguir informando sobre este parque.

“Dende o BNG non estamos en contra da enerxía eólica pero si estamos en contra da espoliación á que estas grandes empresas teñen sometido a este país” conclúe Losada.

0.16607713699341