O BNG de Guitiriz presenta hoxe a súa candidatura
O Bloque Nacionalista Galego en Guitiriz dará a coñecer as persoas que conforman a candidatura da organización para as vindeiras eleccións municipais do 28 de maio, nun acto que se celebra hoxe, venres, 5 de maio, ás 20:30 horas na Casa Habanera de Guitiriz.
Contará coas intervencións de Mónica Roca, candidata do BNG á alcaldía de Guitiriz, Afonso Losada, número dous da candidatura e Olalla Rodil, deputada por Lugo e viceportavoz do BNG no Parlamento galego.
Mónica Roca convida a toda a veciñanza a participar neste acto de presentación “este venres daremos a coñecer o equipo que conforma a candidatura do BNG para estas eleccións municipais, polo que animamos a participar a todas e todos para que as coñezan en primeira man e saiban parte das propostas en positivo que o BNG ten preparado no seu proxecto municipal”.
A candidata do BNG á alcaldía de Guitiriz destacou que a candidatura que lidera sae para liderar o cambio e o futuro de Guitiriz “estou convencida en que esta equipa e eu somos capaces de gañar todo o que Guitiriz merece, xente con ilusión, capacidade e decisión, e dispostas a dar o mellor, para facer que o noso concello avance e se garantan dereitos e melloras nos servizos públicos”.