O BNG de Guitiriz quere saber por qué foi suspendida a festa infantil de Parga

O BNG de Guitiriz amosa a súa indignación pola cancelación, "sen previo aviso nin comunicación oficial", da Festa Infantil de Parga incluída no programa das festas do San Roque e patrocinada polo propio Concello.
A formación nacionalista sinala que, pasados xa varios días dende a suspensión do evento, non se ofreceu ningunha explicación pública por parte da Alcaldía, nin o mesmo día da actividade nin posteriormente, deixando sen resposta ás moitas preguntas da veciñanza. Esta falla de información provocou que se espallaran todo tipo de rumores sobre as posibles causas da cancelación, algo que, segundo denuncian, podería terse evitado cun mínimo de transparencia por parte do goberno municipal.
A Festa Infantil de Parga era unha cita xa consolidada dentro do programa festivo, moi esperada pola cativada e polas familias. A súa suspensión, sen ningún tipo de aviso, deixou a ducias crianzas sen a posibilidade de desfrutar dunha tarde de xogos e lecer á beira do río, xerando desconcerto e malestar entre as familias que acudiran confiando na celebración, como viña sendo habitual nos últimos anos.
Desde o BNG lembran que ao ser un evento patrocinado polo Concello, é responsabilidade directa da Alcaldía garantir a súa correcta organización e, no caso de existir algunha causa de forza maior que obrigase á súa cancelación, explicarllo á cidadanía con claridade e no momento oportuno. "É inadmisíbel que a veciñanza quede sen información e sen explicacións, tanto no propio día da festa como nos días posteriores. Un goberno municipal non pode ampararse no silencio cando asume a responsabilidade de patrocinar e organizar un acto público", afirman.
A portavoz municipal do BNG subliña que a actitude da Alcaldía evidencia unha preocupante falta de respecto cara á veciñanza: “Non estamos a falar dun pequeno contratempo, senón da cancelación dun evento dirixido á infancia e incluído no programa oficial das festas. A cidadanía merece saber que pasou e por que se tomou esa decisión. Non vale escudarse no silencio nin deixar correr rumores que o único que fan é danar a imaxe do propio Concello e xerar incerteza”.
Por todo isto, o BNG de Guitiriz esixe que a Alcaldesa dea explicacións públicas canto antes, aclare as razóns polas que se decidiu suspender a actividade e asuma a responsabilidade que lle corresponde como máxima representante da institución municipal. “Se non temos unha resposta clara e oficial en breve, verémonos obrigados a levar este asunto ao Pleno para que a alcaldesa dea a cara diante da veciñanza e ofreza a información que hoxe nos está negando”, advirten desde a formación nacionalista.
O BNG conclúe insistindo en que a transparencia e a rendición de contas deben ser principios básicos de calquera goberno local, e máis aínda cando se trata de eventos organizados para a infancia e patrocinados con fondos públicos.