O BNG de Guitiriz solicita un Pleno Extraordinario tras coñecerse o peche do Centro de Saúde de Parga durante os meses de verán

TerraChaXa
Desde a formación nacionalista considérase que este peche total é unha medida "inxusta, desproporcionada e sen fundamento"
centro-de-saude-parga
27 Jun 2025

O Grupo Municipal do BNG de Guitiriz vén de denunciar publicamente a decisión do Sergas, a través da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte, de manter pechado o Centro de Saúde de Parga durante os meses de xullo, agosto e setembro. A noticia foi coñecida polos representantes municipais "a través do propio persoal sanitario do centro, sen que existise ata o momento comunicación oficial algunha por parte da administración autonómica". Esta falta de información institucional é cualificada polo BNG como "un feito lamentábel e un desprezo tanto para as persoas usuarias como para o Concello de Guitiriz como entidade pública".

Desde a formación nacionalista considérase que este peche total é unha medida "inxusta, desproporcionada e sen fundamento", que supón un duro golpe para os máis de 1.500 usuarios e usuarias "que se verán obrigados a desprazarse a Guitiriz durante tres meses, con todas as molestias e consecuencias que iso implica: desde dificultades de mobilidade ata o probable aumento das listas de agarda para a atención médica".

Lembran tamén que o Centro de Saúde de Parga xa foi obxecto de recortes durante a pandemia da Covid-19, cando a xerencia intentou o seu peche definitivo e a centralización da atención en Guitiriz. "Grazas á mobilización veciñal, conseguiuse manter parcialmente operativo o centro, cun servizo médico dous días por semana e atención de enfermería catro días. A pesar de que esta solución non tiña xustificación lóxica, foi asumida como un mal menor ante a ameaza de peche total", explican.

Agora, denuncian, o Sergas dá un novo paso "cara ao desmantelamento do centro", coincidindo coa marcha en outubro dunha das médicas titulares e co feito de que o persoal de enfermería só ten asegurada a súa presenza ata ese mesmo mes. "Todo isto fai temer que este peche temporal sexa en realidade a antesala do peche definitivo e da reubicación completa dos servizos en Guitiriz", engaden.

Desde o BNG interprétase esta decisión como unha "operación política planificada polo Goberno do PP, que estaría agardando as condicións axeitadas para executar este recorte, aproveitando a ausencia de convocatorias electorais próximas e a suposta asunción por parte da veciñanza dos desprazamentos forzosos a Guitiriz".

En resposta, o Grupo Municipal do BNG solicitou á Alcaldía a convocatoria dun Pleno Extraordinario e Urxente de carácter monográfico para manifestar o rexeitamento frontal ao peche do centro durante o verán, esixir o reforzo dos servizos sanitarios na época estival e instar á Xerencia do Sergas a aclarar cal será o futuro do Centro de Saúde de Parga unha vez rematado o verán. A Alcaldía aceptou a proposta e o pleno queda convocado para o vindeiro luns 30 ás 13:30 horas.

⚙ Configurar cookies
0.16868996620178