O BNG de Lourenzá pediu pór en valor as rutas de sendeirismo
O pasado xoves tivo lugar o pleno ordinario da corporación municipal de Lourenzá. Como punto a salientar, segundo o BNG local, que foi levado polo goberno local do PSOE, está a marcaxe dos festivos locais para o 2020, que ficarán do seguinte xeito: 25 de febreiro (martes de Entroido) e 31 de Agosto (luns do Conde Santo). Na parte de rogos e preguntas só o BNG presentou, segundo eles mesmos aseguran, previo pleno, cuestións para ser tratadas. O Bloque pediu pontenciar e arranxar as rutas de sendeirismo coas que xa conta o concello, porque están en nulas, ou case, condicións de uso. Solicitaron a recuperación e conservación das áreas etnográficas dos Muíños da Valiña, a caleira, e a Fonte da Espiñardá que forman parte da ruta do val, e a ruta de San Rosendo, así como o arranxo da Aula da Natureza. Lugares e patrimonios que farían de Lourenzá un lugar máis atractivo para veciños e visitantes, opinan.
Dende a alcaldía, rexida polo PSOE, responderon que ditas rutas son moi extensas e iso é un problema para a súa conservación e potenciación. Para o BNG a extensión non pode ser unha excusa para deixar morrer ditas rutas, senon un aliciente para coidalas e mimalas.
Tamén foron presentadas, por parte do goberno local, 695 resolucións da alcaldía. Dende o grupo do BNG fixeron constar a súa disconformidade co modo de achegar os concelleiros/as esta documentación que recibiron, segundo afirman, o luns previo o pleno, para revisala antes do xoves as 20.30 horas. Revisar case 700 documentos en menos de tres días non é viable para ninguén, obxectan, por isto solicitan que ditas resolucións sexan entregadas a cada concelleiro mes a mes, coincidindo coa documentación entregada das xuntas de goberno. Dende a alcaldía din non ver problema a facelo deste xeito, segundo o BNG, pero lles aseguraron que se fará a consulta á secretaria do Concello de como realizalo.
O BNG de Lourenzá rogou pola colocación de dous espellos que faciliten a visibilidade na conducción, un no aparcadoiro sito diante do hostal A Unión e outro no cruce entre A Cazolga e a estrada de Oirán, o cal xa conta co poste para colocar dito espello. Dende a alcaldía responderon que o da Cazolga será colocado o antes posible e que se estudará a colocación do espello diante do hostal.
É preciso xestionar os fedores dos contedores de basura, afirma o Bloque, sobre todo na plaza Cesar Chavarría, solución que pode pasar por un uso responsable dos comercios cos residuos e con limpeza periódica dos contedores, propoñen. Dende a alcaldía respondéronlles que estudarán que medidas tomar para evitar ditos fedores.
O BNG de Lourenzá preguntou por se ten constancia o grupo de goberno de que o pasado 23 un todo terreo derrubou un poste do tendido eléctrico no lugar da Cazolga. Fixo ficar as casas da contorna e a área recreativa sen luz pública durante días o incidente.
Dende a alcaldía responden que si, pero que se está a esperar que o seguro do vehículo se faga cargo do arranxo. Dende o BNG cren que non se pode esperar a que o seguro se faga cargo, na opinión da formación frentista debese arranxar dende o Concello, e despois que sexa o seguro quen se faga cargo dos costes do arranxo.
Ademais, unha vez rematada a tempada estival é momento de facer recontos e preguntan cantos visitantes pasaron pola oficina de turismo. Dende a alcaldía responderon que entre os meses de xuño a setembro 681 persoas pasaron por dita oficina. O BNG ve este dato con preocupación e co convencemento de que queda moito por facer para que Lourenzá sexa un lugar atractivo a visitantes.
Os membros do BNG de Lourenzá recibiron queixas de veciños, de que o tractor municipal estaba parado, ao tempo que se contrataron servizos dunha empresa externa para a realización de limpezas e desbroces. Queren saber se esta situación vai continuar, procedendo así a privatizar un novo servizo municipal. Dende a alcaldía responderon que é certo que esa situación aconteceu, pero por avaría da maquinaria e que non se privatizará dito servizo.
Tamén veñen observando, tanto membros do partido como veciños, que o ximnasio municipal está sendo usado por xente de forma privada e preguntaron se o goberno local tiña constancia do uso privado dunha instalación pública.
Dende a alcaldía responden que se enteraron recentemente de dita situación, e procederon a cambiar a pechadura e pendurar un cartaz informativo de que o ximnasio será arranxado e posto en funcionamento con xestión municipal o próximo 4 de novembro. O BNG engade que viu o cartaz un día despois da pregunta formulada no pleno.
Para rematar, trala modificación dos salarios dos órganos de goberno, e sen haber unha modificación dos presupostos, non tivo o BNG constancia de que partida saen ditos salarios ou se foi modificada algunha partida mediante unha resolución da alcaldía, que a súa vez respondeu que non houbo modificación algunha.