O BNG de Meira denuncia que o Concello leva un ano sen pasar ao cobro os recibos de auga e lixo

TerraChaXa
Esixen transparencia inmediata sobre o estado real destes recibos, un calendario claro de emisión e cobro e unha aposta por fórmulas de pagamento fraccionado
contedores-taxa-recollida-de-lixo-guitiirz
11 Feb 2026

O BNG de Meira denuncia a grave situación "xerada pola inacción do goberno municipal" tras máis de un ano sen pasar ao cobro os recibos correspondentes ao servizo de abastecemento de auga e á recollida de lixo.

Para a organización nacionalista, esta deixadez na xestión tributaria "non só supón unha falla evidente de responsabilidade administrativa, senón que está a provocar consecuencias económicas directas para o propio Concello. A ausencia de ingresos por estas taxas obrigou ao goberno local a recorrer á Deputación de Lugo para poder facer fronte aos gastos correntes, cando estes deberían estar sufragados cos recursos propios derivados da prestación dos servizos".

O BNG considera inadmisible que, tras este exercicio completo sen emitir os recibos, o Concello non teña ofrecido ningunha explicación clara á veciñanza. “Estamos a falar de taxas obrigatorias vinculadas a servizos básicos. Non se pode xogar coa planificación económica das familias e dos negocios”, sinalan.

"A incerteza é cada vez maior, especialmente entre os establecementos comerciais e hostaleiros da localidade, que descoñecen se o goberno municipal pretende pasar ao cobro todas as anualidades acumuladas de golpe ou se habilitará algún sistema de fraccionamento ou facilidades de pago", din.

Desde o BNG de Meira esixen transparencia inmediata sobre o estado real destes recibos, un calendario claro de emisión e cobro e unha aposta por fórmulas de pagamento fraccionado que eviten un impacto económico abrupto nas economías domésticas e nos negocios locais.

Os nacionalistas advirten que a falta de previsión e de planificación financeira non pode recaer sobre a veciñanza. “Unha administración responsable debe garantir estabilidade, información e seguridade xurídica. O que está a facer o goberno municipal é xerar incerteza e trasladar o problema á cidadanía”, conclúen.

⚙ Configurar cookies
0.075731992721558