O BNG de Mondoñedo propón pechar pola noite o cemiterio vello

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O BNG de Mondoñedo rexistrou unha moción que será debatida no Pleno do vindeiro venres para que o Concello restrinxa pola noite o acceso ao antigo cemiterio municipal coa finalidade de protexelo e evitar o seu deterioro.
29 Xan 2020

O BNG de Mondoñedo rexistrou unha moción que será debatida no Pleno do vindeiro venres para que o Concello restrinxa pola noite o acceso ao antigo cemiterio municipal coa finalidade de protexelo e evitar o seu deterioro.

O cemiterio vello mindoniense é un punto de visita promocionado polo concello xa que ademais de albergar a tumba de ilustres personaxes mindonienses como Pascual Veiga, Álvaro Cunqueiro ou Leiras Pulpeiro, tamén ten a particularidade de contar con varios espazos diferenciados onde se soterraban as diferentes clases sociais da cidade.

Á súa vez, segundo indica o voceiro do BNG no concello, Eloi Cabanas, o cemiterio encóntrase localizado dentro do conxunto histórico da cidade declarado, mediante Decreto 91/1985 do 2 de maio, Ben de Interese Cultural.

Para o BNG o camposanto, que é de titularidade municipal, presenta un moi mal estado de conservación das tumbas e dos panteóns, moitos elementos están deteriorados e outros están rotos ou con ameaza de caída.

Os nacionalistas din que se leva arrastrando esta problemática despois da reforma que se lle fixo ao entorno no ano 2005 para reconvertelo nun parque público de estilo inglés, “quitáronse as portas das entradas e creáronse outras novas aberturas no recinto, feito que agora imposibilita pechar o cemiterio pola noite para previr actos vandálicos que deterioran o lugar” e apuntan que nos últimos anos xa foron rexistrados varios casos que provocaron a rotura de lápidas roubos e a acumulación de lixo trala celebración de botellóns en noites de festa.

Sabemos que a solución non é doada xa que agora hai sete puntos polos que se pode acceder de forma directa ao interior do cemiterio pero pensamos que é unha medida que se debe tomar se queremos preservar  en perfecto estado de revista este espazo tan singular do casco histórico da cidade”.

En relación co cemiterio vello e ademais da iniciativa para previr posibles danos, o BNG de Mondoñedo pídelle ao concello celeridade na toma de medidas oportunas para a conservación e mantemento dos elementos arquitectónicos e das zonas verdes da necrópole que, segundo indican, xa foron tratadas no concello en anteriores sesións plenarias.

0.18602514266968