O BNG de Muras presenta a súa candidatura ao completo
O Bloque Nacionalista Galego de Muras, presentou a candidatura completa para acudir ás urnas o vindeiro mes de maio, e que seguirá encabezando o actual Alcalde, Manuel Requeijo. A equipa ao completo aspira a conseguir un bo resultado e revalidar novamente a confianza depositada polos veciños e veciñas hai catro anos.
A lista presenta varias novidades, como a incorporación da mestra de primaria, Paula Gómez Souto, que irá de segunda na candidatura ou a de Cristobal Pena Teijido, traballador de Alcoa, que ocupará o sexto posto. No tramo de titulares, repiten Cristina Franco Pardo, de terceira, María Azucena Camba Fernández, no cuarto, e Carlos Carballés Penabad, na quinta posición e Antía Bello Penabad, coñecida restauradora no lugar de O Viveiró pecha a lista no sétimo lugar. De suplentes, concorrerá en primeiro lugar Belén Chao Ramil, actual primeira tenente de Alcalde e concelleira de servizos sociais, que deixa a primeira liña política despois de oito anos de traballo e grandes logros no concello, e de segunda Romina Lamas Arnejo.
O candidato nacionalista, Manuel Requeijo, mostrouse contento de poder reunir a esta equipa para afrontar os novos retos si así o desexan e o expresan os veciños nas vindeiras eleccións e neste sentido manifestou que “con esta candidatura, o BNG de Muras mostra que ten capacidade de renovación, combinando a experiencia de goberno coa incorporación de xente nova e xente moza, que ten azos e desexos de seguir transformando o noso concello para seguir demostrando que se pode vivir no rural dignamente, sen que falten servizos ou oportunidades”.
Candidatura do BNG de Muras
- Manuel Requeijo Arnejo
- Paula Gómez Souto
- Cristina Franco Pardo
- María Azucena Camba Fernández
- Carlos Carballés Penabad
- Cristobal Pena Teijido
- Antía Bello Penabad
Suplentes
- Belén Chao Ramil
- Romina Lamas Arnejo