O BNG de Outeiro afirma que segue sen mellorar a recollida de plásticos
O BNG de Outeiro de Rei acusa ao Concello e ao seu alcalde de incentivar a posta en marcha dos contedores marróns para meter o lixo orgánico mentres se nega a aumetnar a recollida de plásticos para a súa reciclaxe.
Como explican os nacionalistas "hai menos de dous meses que o alcalde votou en contra de incrementar os contedores amarelos, os dos plásticos, para que non tivéramos que poñelos co lixo xeral". Engaden que "Estes contedores para plásticos, os amarelos, son con diferenza os que máis necesitamos, pois moita da veciñanza xa recicla nas súas hortas o lixo orgánico ou queima o papel nas caldeiras ou chemineas das calefaccións".
Para o BNG o problema ¡radica nos plásticos, que sendo os residuos máis abundantes hoxe en día, son os máis difíciles de reciclar e con moita diferenza os máis lesivos para o medio ambiente e para o planeta.
Afirman que "unha vez máis o alcalde volve a actuar con cabezonería e en función dos seus intereses ou das empresas de recollida do lixo, pois é bastante evidente que o máis necesario e urxente é o reciclado dos plásticos e sen embargo métese unha mediática e custosa campaña de publicidade cos 147 contedores de materia orgánica que instalaron por todo o concello pero ningún dos amarelos para plásticos".
Os nacionalistas quéixanse tamén de que a frecuencia de recollida dos plásticos tampouco aumenta "o que fai que aínda que vaiamos levar os plásticos a onde están os poucos contedores existentes, temos que rematar botándoos xunto co outro lixo porque están cheos".