O BNG de Outeiro critica "que se pida un crédito para pagar as facturas do día a día"
O BNG de Outeiro vén de comunicar que "a situación económica nos últimos tempos fixérase insostible, pois os provedores do concello estábanse a negar a seguir a subministrando produtos ou servizos ao concello, dado que a débeda acumulada con eles non facía máis que aumentar, agrandándose o burato económico cada vez máis".
"A imposibilidade de limpar as cunetas no seu debido tempo, o retraso de máis de 18 meses no pago de moitas facturas ou a negativa das tendas a seguir servindo o material para reparar o servizo de traída de auga, por exemplo, obrigou ao alcalde a ter que pedir outro crédito para poder pagar todas estas facturas atrasadas e que o concello puidera seguir funcionando".
"A obriga de solicitar este crédito indica a grave situación económica que vive o Concello, pois este é o terceiro préstamo que o alcalde se ve obrigado a solicitar nos últimos tempos para que o concello poida funcionar un pouco". Hai que lembrar que previamente solicitouse outro cos orzamentos deste ano para que dende o concello se puidera facer algún investimento e anteriormente xa se solicitara outro á Xunta para poder levar a cabo a construción do Centro de DIA.
AS ARCAS MUNICIPAIS EN BANCARROTA
Chama a atención que "mentres esta situación de bancarrota económica se asenta no Concello", segundo os nacionalistas, "o alcalde continúe coa súa política de despilfarro, pois acaba de dar dúas novas dedicacións exclusivas a dous concelleiros por valor de 60.000 €, segue repartindo gratificacións entre os seus fillos e vén de aprobar unha ampliación do negocio particular que ten montado sen ningún tipo de control no Circuíto de Velocidade de Outeiro de Rei".
“E por se todo iso fora pouco, esta situación dáse cando se está a esquilmar os petos dos veciños e veciñas de Outeiro ata límites nunca vistos antes, pois o pago de taxas e do IBI multiplicouse este ano, así como se empezou a pagar por servizos polos que nunca se pagara antes, como é por exemplo a entrada ao Campo da Santa Isabel ou a retirada de árbores dos camiños”, rematou dicindo Xosé Ferreiro.