O BNG de Outeiro de Rei acusa ao alcalde de realizar unha "pésima" xestión económica

O Bloque Nacionalista Galego denuncia a "nefasta xestión económica" do alcalde de Outeiro de Rei, "que volve demostrar a súa falta de planificación e de responsabilidade" coa aprobación tardía dos orzamentos de 2025 —aprobados en pleno no mes de setembro— e coa presentación, apenas unhas semanas despois, dun suplemento de crédito por importe de 815.000 euros, destinada na súa maior parte a pagar gastos correntes como seguros, combustible ou limpeza.
A concelleira do BNG, Elvira Lombao considera “inaceptábel que un goberno municipal que presume de boa xestión teña que modificar as contas a estas alturas do ano para cubrir gastos previsíbeis que deberían estar incluídos no orzamento inicial”.
Para eles, un exemplo máis que claro desta mala xestión é este suplemento de crédito por valor de 815,000 euros “non podemos permitir que o alcalde siga gobernando a golpe de suplementos de crédito, sen planificar nin dar solucións reais á crise económica. Este tipo de prácticas son a mostra dunha xestión irresponsable e dunha total falta de capacidade para resolver os problemas do Concello” explica Lombao.
A concelleira nacionalista sinala que esta situación “é a proba evidente de que o alcalde goberna a salto de mata, sen planificación nin control, improvisando cada decisión e hipotecando o funcionamento do Concello”.
“O PP de Outeiro de Rei demostra ano tras ano a súa incapacidade para xestionar con rigor os recursos públicos. Non hai proxecto de futuro nin investimento produtivo: todo se reduce a pagar facturas atrasadas e manter o día a día”, critica Elvira Lombao.
Desde o BNG lembran que a maior parte desta modificación orzamentaria non vai destinada a investimentos nin a melloras para a veciñanza, senón a cubrir gastos ordinarios que se repiten anualmente e que deberían estar previstos. “É unha mostra de descontrol e de desgoberno que prexudica directamente a toda a cidadanía”, subliña o concelleiro nacionalista.
Elvira Lombao conclúe reclamando maior transparencia, planificación e responsabilidade económica, e lembra que “un concello que aproba os seus orzamentos case a finais de ano e que necesita suplementos de crédito para pagar o básico non é un concello ben xestionado, senón un concello paralizado pola incompetencia do seu alcalde”.
