O BNG de Outeiro de Rei afirma que o alcalde oculta os xustificantes das dietas

TerraChaXa
O voceiro do BNG, Xosé Ferreiro, vén de denunciar, unha vez máis, a actitude do alcalde de Outeiro de Rei “quen segue ocultando información ao BNG para o seu traballo de fiscalización das actuacións do concello”.
30 Abr 2018

O voceiro do BNG, Xosé Ferreiro, vén de denunciar, unha vez máis, a actitude do alcalde de Outeiro de Rei “quen segue ocultando información ao BNG para o seu traballo de fiscalización das actuacións do concello”. En concreto, neste caso non entrega os xustificantes que se solicitaron o día 13 de marzo, unha vez que se detectou que o alcalde cobrara en dietas de locomoción a cantidade de 7.496,70 € ao mesmo tempo que o seu tenente de alcalde cobrou 5.239 €.

Estas cantidades, que equivalen a cruzar o concello de extremo a extremo varias veces ao día, son completamente desorbitadas e para o BNG deben estar moi xustificadas. Lémbrase así mesmo que en Outeiro se pagan 30 céntimos por quilómetro, fronte ao 19 ctms que paga a Xunta, que era o mesmo que propoñíao BNG. Dende o BNG xa se anunciou naquel momento que esixira que as cantidades correspondentes as viaxes que non estea debidamente debidamente acreditadas sexan devoltas ás arcas municipais.

“Non se pode consentir que se paguen complementos salariais ou liberacións “camufladas” a costa de crear dietas de xeito completamente artificial”, dixo o voceiro do BNG. “Iso, ademais de dun fraude á Seguridade Social e a Facenda, é un engano a toda a cidadanía. O BNG xa manifestara no seu momento, no Pleno de Organización, que o sistema de dietas de locomoción e de asistencia a Órganos Colexiados era un mecanismo do alcalde para pagar sobresoldos de “tapadillo” aos concelleiros do Partido Popular, cuestión que como pode verse se cumpriu totalmente.

Ao mesmo tempo, o BNG tamén denuncia que a día de hoxe, o alcalde segue sen entregar as actas das xuntas de goberno dos meses de setembro e outubro de 2017. O concelleiro de BNG lembra que segundo a lei o alcalde ten a obriga de entregar as actas nun prazo de 10 días á todos os grupos do Pleno, cuestión que o Alcalde de Outeiro nunca cumpriu no pasado. “O señor Pardo segue na mesma liña de sempre, a de ocultar información á oposición. Se non temos as actas, non podemos facer o noso traballo, incluso nos imposibilita facer ningún tipo de reclamación, pois cando temos a información xa remataron os prazos”, rematou Xosé Ferreiro.

0.10481595993042