O BNG de Outeiro de Rei afirma que o Pleno non tivo contido agás as propostas nacionalistas
O voceiro do BNG, Xosé Ferreiro, informou esta mañá que neste pleno do concello de Outeiro, correspondente ao mes de febreiro, tan só o BNG tiña propostas presentadas, sendo un Pleno monotemático coas iniciativas do Bloque Nacionalista Galego. Concretamente, o BNG tiña presentadas tres mocións, dous rogos e unha pregunta mentres que nin o goberno nin os outros dous grupos da oposición tiñan ningún tipo de proposta.
"Esta situación xa se vén repetindo dun xeito ou doutro non últimos plenos, pois dende que comezou a lexislatura, o BNG ten presentados máis iniciativas no concello que o goberno municipal e os outros dous grupos da oposición xuntos. Esta circunstancia é aínda máis grave, se cabe, se temos en conta que os plenos en Outeiro celébranse cada dous meses, co que as posibilidades para presentar propostas redúcense considerablemente, véndonos obrigados a aproveitar ao máximo as que existen", engaden.
Esta situación vén a constatar que dende hai xa tempo o único grupo político que ten capacidade de traballo, ideas, iniciativas e un proxecto de futuro para o concello de Outeiro é o BNG, limitándose o goberno municipal a tomar algunha decisión ás agachadas e sempre dirixidas a beneficiar a uns poucos en contra da maioría".
Covardía política do Alcalde
A pesares de que só había iniciativas do BNG, o Alcalde negouse a tratar outra proposta do Bloque referente á colocación e limpeza dos contedores do lixo, pasando a moción a rogo para así evitar o debate e a votación. Para o BNG esta é unha acción totalmente antidemocrática encamiñada a que a veciñanza non coñeza cal é a postura do Alcalde e equipo de goberno sobre temas chave que lles afectan directamente.
“O Alcalde, demostrando unha covardía política sen precedentes, está collendo o costume de que cando o BNG presenta unha iniciativa da cal non quere que a cidadanía coñeza a súa postura ou o seu voto, simplemente non a trata, pasándoa rogo. Isto resulta un acto totalmente antidemocrático de dubidosa legalidade e profundamente inmoral”, asegurou o edil nacionalista Xosé Ferreiro
Dende o BNG estase a estudar medidas xurídicas e políticas para que esta actuacións totalmente antidemocráticas cesen dun xeito inmediato.