O BNG de Outeiro de Rei ao Concello transparencia e que presente alegacións ao parque eólico Cordal-Ousá

LugoXa | TerraChaXa
O proxecto afecta aos concellos de Friol, Begonte, Rábade, Outeiro de Rei e Castro de Rei, e inclúe unha liña de evacuación que atravesará varias parroquias do municipio
Imaxe recurso de eólicos
9 Feb 2026

O portavoz do BNG en Outeiro de Rei, Miguel Vieito, vén de instar ao Goberno municipal a actuar con dilixencia ante a publicación no Diario Oficial de Galicia do Acordo do 19 de decembro de 2025, do Departamento Territorial de Lugo, polo que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e o estudo de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Cordal-Ousá (LU11/140-EOL-NT), promovido por Eólica de Cordales, SL.

O proxecto afecta aos concellos de Friol, Begonte, Rábade, Outeiro de Rei e Castro de Rei, e inclúe unha liña de evacuación de aproximadamente 30 quilómetros que atravesará, no caso de Outeiro de Rei, as parroquias de Santiago de Gaioso, San Tomé de Gaioso, Santa Mariña, Cela, Matela, Folgueira, Taboi, Vilela, Castelo de Rei, Sobrada de Aguiar e Arcos.

Vieito advertiu que esta infraestrutura “non é un simple trámite administrativo, senón unha actuación de enorme impacto territorial, ambiental e patrimonial que afecta directamente a centos de veciñas e veciños do noso concello”. A liña de evacuación prevista atravesa espazos de alto valor ecolóxico como a Reserva da Biosfera Terras do Miño, o entorno do río Ladra e o paraxe das Penas de Rodas e Miradoiro da Terra Chá, ademais de zonas próximas a elementos patrimoniais de relevancia.

Entre os bens afectados atópanse elementos como a Torre de Sobrada ou a Igrexa de San Tomé de Gaioso, así como múltiples propiedades particulares ao longo do trazado.

“O que está en xogo é o modelo de desenvolvemento do noso territorio. Non se pode tramitar un proxecto destas dimensións sen información clara á veciñanza e sen unha defensa firme dos intereses ambientais, patrimoniais e sociais de Outeiro de Rei”, sinalou Vieito.

O portavoz nacionalista lembrou que outros concellos afectados xa anunciaron a presentación de alegacións, mentres que o prazo de exposición pública remata,o día 12 deste mes. “Preguntamos, o día 5 de febreiro, expresamente se o Concello de Outeiro de Rei xa presentou alegacións ao deseño do parque eólico Cordal-Ousá e, de non ser así, se ten previsto facelo antes de que remate o prazo”, indicou.

Dende o BNG tamén lembran que o soterramento da liña de evacuación non é, en modo algún, unha solución á viabilidade do proxecto. Trataríase só dunha medida estética, que mantería a desfeita no entorno natural e nas propiedades das veciñas e veciños"

Así mesmo, o BNG solicita coñecer se o Goberno municipal vai organizar sesións informativas, facilitar asesoramento técnico ou establecer un mecanismo específico para informar ás persoas potencialmente afectadas. “A transparencia e a participación pública non poden ser un formalismo.

É responsabilidade do Concello garantir que a cidadanía dispoña de toda a información e dos medios necesarios para defender os seus dereitos”, concluíu Miguel Vieito.

⚙ Configurar cookies
0.079663038253784