O BNG de Outeiro de Rei denuncia a falta de apoio á lingua galega por parte do equipo de goberno
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Outeiro de Rei volveu presentar no pleno municipal do pasado 26 de decembro, por quinta vez, unha moción para o fomento, promoción e visibilización da lingua galega. Porén, a proposta foi novamente bloqueada polo equipo de goberno, que rexeitou sequera debater as medidas suxeridas.
A moción, que incluía iniciativas como a adhesión á Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega (Alingua) e a posta en marcha de actividades de 'Restauración da memoria lingüística de Galicia', foi presentada tanto de xeito ordinario como extraordinario. Estas medidas contan co respaldo legal da Lei de Normalización Lingüística (1983) e da Lei da Administración Local de Galicia (1997), que obrigan as Administracións Locais a promover e empregar o galego.
Entre as propostas do BNG destacaba tamén a creación dun posto estable de técnico de normalización lingüística, dado que o Concello xa é beneficiario de subvencións destinadas a ese fin.
Miguel Vieito, concelleiro do BNG, criticou duramente a actitude do alcalde e do seu equipo de goberno: “Non consideran urxente a situación do galego. O alcalde afirmou no pleno que estamos mellor que na ditadura, e chegou a xustificar que, se a rapazada non quere falar galego, non se pode facer nada”. Vieito cualificou estas declaracións como "falaces" e "impropias dun alcalde obrigado a defender e promocionar a nosa lingua".
O concelleiro nacionalista tamén denunciou unha crecente "deriva castelanizante" no Concello, reflectida na rotulación, comunicacións escritas e interaccións internas, que segundo el, vulneran a lexislación e os usos históricos do municipio.
“Desde o BNG de Outeiro consideramos que a lingua galega é un elemento de riqueza e cultura que debería vertebrar a acción municipal”, insistiu Vieito. “A supervivencia do galego require o apoio decidido de todas as forzas políticas, algo que hoxe en día non sucede en Outeiro de Rei”.
A negativa reiterada do equipo de goberno a abordar a moción evidencia, segundo o BNG, un desleixo preocupante cara á lingua propia de Galicia. A formación nacionalista comprométese a seguir traballando para que o galego ocupe o lugar que lle corresponde no ámbito municipal.