O BNG de Outeiro de Rei denuncia ante o Consello de Contas o pago de facturas sen consignación orzamentaria

LugoXa | TerraChaXa
"Máis de medio millón de euros con reparos de intervención é algo habitual nesta equipa de goberno”, di Miguel Vieito
bng-pleno-outeiro-de-rei
7 Apr 2026

O Bloque Nacionalista Galego de Outeiro de Rei vén de remitir ao Consello de Contas de Galicia un escrito de denuncia no que se recollen parte das numerosas irregularidades detectadas na xestión económica e orzamentaria do Concello. A denuncia remítese co obxectivo de que este organismo analice as contas e determine a eventual responsabilidade, que podería ser penal, de todo o equipo de goberno.

Desde o BNG denuncian que o Concello de Outeiro de Rei leva anos sen presentar nin aprobar un só orzamento nos tempos e prazos que a Lei exixe. Malia contar con maioría absoluta, o Concello leva décadas prorrogando constantemente os seus orzamentos e aprobándoos con practicamente un ano de atraso.

“Esta práctica non responde a unha situación puntual senón que se emprega de maneira deliberada como un instrumento para ocultar as contas á oposición e á cidadanía” apunta Miguel Vieito.

O BNG tamén alerta de que os propios informes da intervención municipal levan anos advertindo reiteradamente de irregularidades e deficiencias na xestión económica e incluso de comportamentos manifestamente ilegais. Tamén pon de manifesto a intervención que dende o equipo de goberno se ignoran estas advertencias ano tras ano.

Entre as cuestións máis graves que se recollen no informe remitido ao Consello de Contas figura a práctica reiterada de presentar para validación e pagamento facturas que non aparecen nos orzamentos, o pagamento de facturas con até 9-10 meses de atraso, contratos realizados pola Alcaldía de forma verbal e contratos “inflados”, por prezos superiores aos do mercado.

"Na última remesa de facturas, pagáronse dunha tacada e nun só día máis de 500, por un importe superior a medio millón de euros", dixo.

“Desde o BNG de Outeiro de Rei consideramos que esta situación non é compatible cunha xestión transparente e responsable dos fondos públicos” explica Vieito polo que decidiron trasladar toda a documentación ao Consello de Contas de Galicia para que analice os feitos e determine se procede depurar responsabilidades.

“O Concello non pode seguir funcionando á marxe das normas básicas de control económico. Estamos falando dos cartos de toda a veciñanza e da obriga que ten calquera administración pública de actuar con transparencia, rigor e respecto á legalidade”, sinala o concelleiro nacionalista.

“Continuaremos exercendo o noso labor de control e fiscalización para garantir que a xestión económica municipal se axuste á legalidade e ao interese xeral, e reclamamos ao goberno municipal que abandone prácticas que, ao noso xuízo, deterioran a calidade democrática e a confianza da cidadanía nas institucións” conclúe Miguel Vieito.

0.122230052948