O BNG de Outeiro de Rei denuncia o "abandono" da urbanización da Palloza

TerraChaXa | LugoXa
O BNG de Outeiro sobre a situación da Urbanización da Palloza en Outeiro de Rei, que seguen a carecer dos servizos esenciais.
urbanizacion a palloza outeiro de rei
18 Abr 2023

Un ano máis, o concello segue sen arranxar o "grave problema" que están a sufrir 22 vivendas na Urbanización da Palloza, en Outeiro de Rei, explica o BNG. Hai xa 20 anos que estas vivendas están habitadas, pagando todos os impostos regularmente e, sen embargo, "seguen a carecer dos servizos esenciais que teñen a maioría dos veciños e veciñas de Outeiro".

Afirman os nacionalistas, que seguen, 20 anos despois de vivir aí, con luz de obra, sen contadores da luz individuais. Seguen coas rúas de terra, "cuestión que se fai insoportable tanto no verán polo po como no inverno polo lodo". Engaden que carecen absolutamente de alumeado público e o servizo de saneamento non se sabe moi ben como está. “Levan 20 anos tratados como cidadáns de segunda, sen os servizos básicos que ten a demais veciñanza de Outeiro. Unha situación manifestamente inxusta da que o único culpábel é o alcalde”, asegurou o voceiro do BNG Xosé Ferreiro.

Hai que lembrar que toda esta situación dáse cando a empresa construtora deu en quebra antes de rematar a urbanización e o concello non lle tiña esixido o aval bancario que sería procedente para facerse cargo dos servizos comúns, tal e como sería procedente e obriga do concello. A empresa desapareceu e os cartos para construír os servizos comúns non apareceron.

“A desculpa deste ano é que hai administración que non dan permiso para comezar as obras, pero pedidas polo BNG estas solicitude, estas non son entregadas, polo que supoñemos que unha vez máis o alcalde mentiu e non se fixo absolutamente nada ao respecto”, continuou Xosé Ferreiro.

Propostas para o próximo pleno

Dende o BNG xa se teñen presentado propostas ao respecto de solucionar este problema da veciñanza da Palloza, "pero ante a persistencia do conflito, no próximo pleno de abril volveremos presentar iniciativas ao respecto para que se solucione o problema dunha vez por todas".

“Non se pode tolerar que haxa cidadáns do noso concello que sexan tratado como apestados. Esta xente necesita unha solución e ten que ser o concello quen ten que dárllela, dado que foi culpa del por pórse ao lado do construtor no canto de defender ás veciñas e veciños”, rematou o concelleiro do BNG.

0.20901608467102