O BNG de Outeiro de Rei fixo unha ruta pola parroquia de San Fiz de Paz

LugoXa | TerraChaXa
O obxectivo era dar a coñecer á veciñanza o valioso patrimonio natural, histórico e cultural que "esquecido" polo concello
ruta-por-san-fiz-de-paz-en-outeiro
2 Nov 2025

O Bloque Nacionalista Galego de Outeiro de Rei organizou unha ruta pola parroquia de San Fiz de Paz co obxectivo de dar a coñecer á veciñanza o valioso patrimonio natural, histórico e cultural que atesoura o concello.

Durante o percorrido visitáronse espazos de grande interese como o obradoiro de instrumentos de percusión tradicional de Xaneco, a pontella da Ermida, a capela de Penadedra ou o castro de Dumpín, exemplos da riqueza material e inmaterial que posúe o territorio e que cómpre preservar e divulgar.

Desde o BNG de Outeiro de Rei sublíñase que o equipo de goberno municipal desatende de forma continuada este patrimonio, xa que nos orzamentos do concello non existe nin unha soa partida destinada ao seu mantemento nin á súa posta en valor. “Non se pode querer un concello vivo e atractivo se se ignora o seu patrimonio”, sinalan desde a organización nacionalista.

A ruta, ademais de servir como actividade de convivencia, pretende espertar conciencia sobre a importancia de coñecer, conservar e transmitir ás novas xeracións o legado cultural e natural de Outeiro de Rei. “Cada camiño, cada pedra, cada historia forman parte da nosa memoria colectiva. É deber de todos e todas coidala, mais tamén é responsabilidade do concello protexela e promovela”, concluíron.

⚙ Configurar cookies
0.078333139419556