O BNG de Outeiro de Rei lamenta a eliminación do servizo da piscina de Bonxe

TerraChaXa | LugoXa
O BNG lamenta a eliminación do servizo da piscina de Bonxe, xa que a actual non cumpre para nada os requisitos da anterior,
piscina de veran outeiro
29 Xuño 2023

"A falta de previsión por parte do concelle de Outeiro e os evidentes problemas económicos veñen a dar outro golpe ao servizo de piscina no verán que moitas xeracións de persoas de Outeiro viñamos desfrutando dende hai anos", explica o BNG municipal.

"Foron moitas as xeracións as que combateron a calor do verán pasando as tardes nesa piscina e fomos moitas tamén as persoas que aprenderon a nadar ou perfeccionaron ese deporte nos cursos de natación organizados polo concello que alí se levaban a cabo. Agora, este ano, debido a unha total ausencia de previsión por parte do concello, este convenio que se viña celebrando entre o concello e o Club de Campo de Bonxe non se leva a cabo e dannos como alternativa un desconto na piscina dun centro deportivo da localidade", engade.

Para o BNG sería perfectamente compatible a posta en marcha das futuras piscinas na vila de Outeiro e o mantemento do convenio de Bonxe, "pois Outeiro de Rei ten suficiente poboación e suficiente demanda para manter en funcionamento estas dúas piscinas. O feito de non querer manter este convenio indica unha falta de sensibilidade cara as demandas da poboación e, sobre todo, evidencian os graves problemas económicos que está a ter o concello, os cales se poden observar cada vez con máis frecuencia nos servizos básicos”, continuaron dicindo dende o Grupo Municipal do BNG.

Unha piscina que non é unha alternativa

"A piscina coa que se intenta substituír á de Bonxe non ten nada que ver con esta, pois pola súa forma e dimensións está pensada máis como un lugar de xogo que como unha piscina deportiva", din.

Ademais, engaden que o lugar onde está enclavada, nun extremo do concello, fai que chegar a ela sexa moito máis complicado para moita da poboación do mesmo, sobre todo aqueles mozos e mozas que en moitos casos se desprazaban en bicicleta ou mesmamente camiñando, cuestión que agora será imposible.

"Para a veciñanza de boa parte do Concello (sobre todo da súa zona máis rural e do outro lado dos ríos Miño e Ladra) chegar ao centro deportivo actual supón case o mesmo tempo, senón máis, que acudir a Lugo. Polo que cremos que o novo acordo do Concello non redunda en beneficio da veciñanza, e supón unha discriminación velada no acceso a servizos deportivos”, remataron dicindo dente o BNG.

0.18505597114563