O BNG de Outeiro de Rei pide solucións para mellorar a calidade da auga da traída municipal
O voceiro do BNG en Outeiro de Rei, Xosé Ferreiro, reclamou que, dende o concello, se adopten solucións para mellorar a calidade da auga da traída municipal e explicou “estamos vendo como cada vez que hai choivas e se produce unha crecida no río a calidade da auga é inaceptable tanto para o consumo como incluso para o aseo persoal”. Ferreiro afirmou que “a auga en Outeiro de Rei é de calidade cando hai sequía” e engadiu “nestes días de choiva a auga sae da billa chea de residuos minareis o que fai que non sexa apta para o seu uso”.
Para o BNG de Outeiro “resulta inaceptable que o alcalde teña a cuarta parte do orzamento do 2016 sen executar, máis de 1 millón de euros, mentres a auga da traída está nesta situación tan lamentable”. O voceiro nacionalista solicitará formalmente que se fangan os investimentos necesarios para dar solución a esta situación que afecta á práctica totalidade das veciñas e veciños que viven na vila de Outeiro, nas urbanizacións e en varias parroquias do concello.
Ferreiro sinalou tamén que a carestía deste servizo que non se corresponde coa calidade e dixo que “engancharse á rede en Outeiro custa 1.300 € mentres que en Begonte custa 150 €”. As taxas municipais para conectarse á rede de abastecemento municipal son das máis altas da provincia e case multiplican por 10 o custo do enganche noutros concellos limítrofes como o de Begonte.