O BNG de Outeiro de Rei presenta varias alegacións contra o parque eólico Cordal-Ousá

O BNG de Outeiro de Rei vén de presentar alegacións ao proxecto do parque eólico e da liña de evacuación Cordal-Ousá, promovido pola empresa Eólica de Cordales, S.L. e que afecta aos concellos de Friol, Begonte, Rábade, Outeiro de Rei e Castro de Rei.
A formación nacionalista alerta do forte impacto territorial e ambiental que supón a liña de evacuación prevista, que atravesa as parroquias de San Tomé, Santiago de Gaioso, Santa Mariña, Cela, Matela, Vilela, Folgueira, Castelo, Taboi, Sobrada e Arcos o que supón 11 parroquias pois a liña de evacuación vai ter unha lonxitude de máis de 30km.
O BNG advirte de que o trazado proposto afecta directamente a espazos de alto valor ecolóxico, entre eles o LIC Miño/Ladra/Parga/Támoga, integrado na Rede Natura 2000 ou Reserva da Biosfera Terras do Miño así como a diversos recursos hídricos e humidais como o Rego da Igrexa, o Rego de Lavandeiras, o Rego de Bullas ou o Rego da Cabana.
No ámbito patrimonial, sinalan a afección ao trazado do Camiño Vello da Ponte do Pedragoso–Rábade e ao entorno da igrexa de Santa Uxía de Gaioso, entre outros elementos de interese histórico e cultural.
O portavoz do BNG en Outeiro de Rei, Miguel Vieito, manifestou que “temos un concello inzado de liñas de evacuación, polo que o razoable sería aproveitar as infraestruturas xa existentes en lugar de abrir novos corredores que fragmentan o territorio e multiplican o impacto”.
Vieito subliñou que “a nosa postura é clara na defensa dos intereses das persoas veciñas. Neste proxecto non vemos ningún aspecto que as favoreza e si varios elementos claramente prexudiciais. Aínda que se fale de persoas afectadas, afectados somos todos en maior ou menor grao”.
O BNG considera que o impacto na calidade de vida derivado tanto do polígono onde se instalarán os aeroxeradores como da liña de evacuación “é tremendo”, advertindo tamén da posible “desfeita patrimonial no plano da fauna, da flora, dos camiños tradicionais e mesmo de restos arqueolóxicos”.
A organización nacionalista rexeita tamén a alternativa do soterramento como suposta solución. “Unha liña soterrada non elimina a afección ao solo e ao subsolo, incluso afectando ás posibilidades de uso dos predios por parte dos centos de veciños e veciñas afectadas”, explicou Vieito.
Finalmente, o portavoz concluíu que “estamos ante un proxecto que responde ao beneficio exclusivo dun grupo empresarial, cun modelo de aproveitamento que supón espolio e depredación de recursos, coa inestimábel axuda da administración, tanto autonómica como local. Sobran argumentos e razóns para opoñerse, e temos que dicilo alto e claro”.