O BNG de Outeiro de Rei reclama a limpeza da ponte do Piago

TerraChaXa
O voceiro do BNG no Concello de Outeiro de Rei, Xosé Ferreiro, vén de anunciar a presentación dun escrito así como facer as xestión necesarias ante o departamento de Vías e Obras da Deputación, titular desta estrada, para que dun xeito urxente procedan a limpar a ponte do Piago, en Outeiro de Rei.
Inundacion Piago 1
16 Mar 2018

O voceiro do BNG no Concello de Outeiro de Rei, Xosé Ferreiro, vén de anunciar a presentación dun escrito así como facer as xestión necesarias ante o departamento de Vías e Obras da Deputación, titular desta estrada, para que dun xeito urxente procedan a limpar a ponte do Piago, en Outeiro de Rei. "Estas xestións son necesarias e urxentes dado que cada vez que chove un pouco esta ponte convértese nunha auténtica piscina, impedindo a circulación por ela ou, se se pode atravesar, este paso faise cun perigo evidente", explican.

Esta situación vénse repetindo dende hai tempo segundo denuncia a veciñanza da zona así como as persoas que de forma habitual atravesan por esta ponte. Hai que lembrar que esta estrada ten un tráfico bastante importante, pois une a zona oeste do concello de Outeiro de Rei (Martul, Aspai, Parada, Vicinte, Candai, Gaioso, Francos, ...) coas urbanizacións de Guillar, a parroquia de Robra, a vila de Outeiro ou coa propia N-VI para ir ata Lugo ou Castro.

Dende o BNG vénse defendendo que a seguridade na circulación ten que ser unha prioridade para o concello de Outeiro, pero isto tamén inclúe as estradas que son competencia da Deputación. Por iso, "cremos que a Deputación vai atender de forma urxente esta demanda, totalmente razoable ademais de urxente", explica.

Ao mesmo tempo, dende o BNG tamén se solicitará neste escrito que ademais da limpeza, que se fagan os traballos necesarios para a mellora desta infraestrutura, pois o sistema de evacuación da auga é moi deficiente o que provoca que continuamente se atasque debido á falta de limpeza e necesita unha reforma para melloralo.

"Outra cuestión que non podemos entender e o abandono das súas funcións do alcalde de Outeiro cando ten que reclamar algún tipo de actuación por parte doutras administracións", engade.

"Ocorre con esta ponte, pero pasa o mesmo cos buratos que existen dende hai meses na N-VI, que xa teñen provocado algún accidente grave, co firme que presenta neste momento a propia autovía ao seu paso polo concello e sobre todo coa situación que sufrimos cada vez que temos que cruzar a N-VI na vila de Outeiro", conclúe.

0.1629159450531