O BNG de Outeiro de Rei reclama ao concello unha ordenanza para o uso das instalacións deportivas

TerraChaXa
O BNG de Outeiro de Rei presentou unha iniciativa para ser tratada no Pleno da corporación de Outeiro de Rei encamiñada a que se redacte unha ordenanza de uso das instalacións deportivas municipais.
IMG_7486
23 Nov 2018

O BNG de Outeiro de Rei presentou unha iniciativa para ser tratada no Pleno da corporación de Outeiro de Rei encamiñada a que se redacte unha ordenanza de uso das instalacións deportivas municipais. O voceiro municipal, Xosé Ferreiro, sinalou que “o concello conta, entre outras instalacións, con catro campos de fútbol, un pavillón polideportivo e varias pistas polideportivas”. Neste momento a utilización das instalacións depende de convenios con entidades privadas ou “da vontade do alcalde”.

“No concello de Outeiro de Rei atopámonos con todas estas instalacións deportivas sen ningún tipo de regulamento coñecido que indique como e de que maneira poden ser utilizados polas veciñas e veciños do concello, dependendo o seu uso do permiso que dun xeito persoal outorga o señor Alcalde para poder utilizalas” afirmou Ferreiro e lembrou que “estas  instalacións foron pagadas cos impostos das veciñas e veciños”.

Para o BNG “é preciso que se saiba con claridade cales son as condicións de uso das instalacións deportivas municipais e para iso hai que dispoñer dunha ordenanza de uso”. O BNG instará ao Alcalde e ao Goberno Municipal para que coa maior brevidade posible elabore o poña en funcionamento unha ordenanza que regule o uso de todas as instalacións deportivas existentes no concello para que toda a veciñanza poida ter acceso ao uso destas instalacións en igualdade de condicións.

 

 

0.10863280296326